Temas: MONTE INCENDIOS

Scouts de Cataluña para rexenerar os montes galegos

Durante o mes de xullo grupos Scouts de Cataluña coordinados por activistas de Amigos da Terra desenvolverán accións de rexeneración nos montes queimados en Melón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/07/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Máis de 60 rapaces de tres grupos Scouts de Cataluña están nos montes de Tourón (Melón) durante a última quincena de xullo para participar en distintas actuacións nunha das zonas máis afectadas polos lumes do mes de outubro do ano pasado. A plataforma Amigos da Terra, ademais de contribuír a paliar os efectos dos lumes forestais, busca promover unha sensibilización e mobilización social que faciliten os profundos cambios na política forestal, imprescindibles para reverter o problema incendiario.

Dous rapaces traballando no monte
Dous rapaces traballando no monte | Fonte: Amigos da Terra

Amigos da Terra en colaboración co grupo local Vergasta e a MVMC e O Tourón ten previsto continuar coas accións de rexeneración das zonas afectadas polos incendios forestais no monte comunal de Tourón (Melón) que están levando a cabo dende o outono do ano pasado. Dende o pasado martes 17 e ata o vindeiro martes 24 de xullo, están convivindo no mesmo monte dous grupos Scouts, AEIG Rudyard Kipling e AEIG Itaca, con máis de 40 rapaces e rapazas entre 14 e 17 anos procedentes de Barcelona. Posteriormente, dende o 25 de xullo ata o 1 de agosto tomará o relevo o grupo AEIG Maspons i Anglasell con 15 rapaces e rapazas entre 11 e 13 anos. A súa presenza responde ao chamamento de colaboración que levaron a cabo estes grupos coñecedores das terribles consecuencias da vaga de incendios que tivo lugar en Galicia en outubro do ano pasado.

Os traballos que xa se están levando a cabo son a eliminación de vexetación que compite coas árbores frondosas autóctonas plantadas nos anteriores meses, a preparación para a súa rega en época de seca, a erradicación de plantas invasoras como mimosas ou eucaliptos, a eliminación de material vexetal queimado e a elaboración de bombas de sementes de gramíneas para contribuír a rexenerar os solos nus, entre outras.

Temas: MONTE INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta