Verín, capital das curtometraxes en decembro

Presentado oficialmente o certame audiovisual que busca traer a Verín unha selección das mellores curtas do panorama internacional actual.

Por X.M. Fernández | Verín | 20/07/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e o director do certame, Carlos Montero, anunciaron diante dos medios que o FIC Vía XIX celebrarase entre o 1 e o 9 de decembro deste ano e salientaron que as bases para optar ás diferentes categorías do festival xa están activas na web oficial do certame.

Presentación do FIC Vía XIX. Foto: Concello de Verín
Presentación do FIC Vía XIX. Foto: Concello de Verín

A concelleira de Cultura afirmou na presentación que “coa súa terceira edición, o FIC Vía XIV consolídase na axenda cultural da vila do Támega”. “Unha cita que o ano pasado mobilizou a máis de 2.800 persoas arredor da axenda oficial do certame e das actividades paralelas que acolleu”, engadiu. A idea, nesta edición, é “continuar desenvolvendo accións vinculadas ao cine para todos os públicos arredor do Festival”, concluíu.

Carlos Montero, director do certame, destacou que o prazo para recepcionar as curtas que poden optar ás catro categorías a concurso (Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova) esténdese ata o vindeiro día 11 de outubro. “As curtas participantes teñen que ter sido realizadas con posterioridade a xaneiro de 2017”, precisou.

Doutra banda, tamén destacou que se activou recentemente o concurso para elixir o cartel ilustrador desta edición e as bases poden ser consultadas, igualmente, na web oficial do Festival. As propostas deben ser remitidas á organización do certame ata o vindeiro 20 de setembro.

Para poñer en valor este evento e a calidade dos filmes presentados a concurso nas edicións anteriores, Carlos Montero explicou que varias das curtas exhibidas en 2017 en Verín foron, posteriormente, premiados en diferentes convocatorias de premios e certames tales como os Goya ou Sundace e seleccionados para os carteis oficiais en festivais de recoñecido prestixio tales como San Sebastián, Toronto, Rotterdam ou o New York Film Festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta