O singular test de estress do PPdeG

Durante os anos mais graves da crise económica na que andamos, utilizouse moito a expresión “test de estress” para facer referencia a determinadas análises que se realizaban sobre a solvencia das entidades bancarias e que pretendían coñecer a capacidade de resistencia das mesmas ante novas situacións que podían aparecer no escenario financeiro.

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 20/07/2018

Comparte esta noticia

Salvando todas as distancias, o PPdG ven de pasar un test relevante para xulgar as fortalezas e as feblezas que posúe como organización política.A votación para elixir á persoa substituta de Mariano Rajoy requiría a previa inscrición nun censo específico.Aquí radicou a primeira sorpresa deste proceso: só se apontaron 4.564 -un 4,5% das 100.000 afiliadas e afiliados teóricamente existentes- para decidir as preferencias vixentes no territorio galego.E só votaron 3.979 persoas nunha cita desta trascendencia.Para tomar unha referencia comparativa, na Asemblea Nacional celebrada polo BNG nas primeiras semanas do ano 2012 -a que tivo lugar no mercado de Amio- participaron arredor de 4.500 persoas, case o 50% da afiliación existente naquel momento na forza nacionalista.A pesar de que a importancia das cuestións abordadas en ambos casos era moi relevante, a diferenza no nivel de participación resulta especialmente reveladora do estado no que se atopa o partido dirixido por Feijoo.

Dende 1977 tense construído unha certa mitoloxía sobre a fortaleza invencíbel do actual PPdG.Obviamente, non se poden descoñecer determinados feitos moi significativos:dende o nacemento formal das institucións autonómicas, esta formación política controlou o goberno galego durante 31 dos 37 anos de vixencia das mesmas e ostentou, ao mesmo tempo, a dirección da maioría dos concellos e das deputacións.Certamente, en moitas ocasións, os resultados vitoriosos foron mais atribuíbeis aos notábeis deméritos protagonizados polas sucesivas forzas opositoras que ás virtualidades demostradas polas equipas gobernantes.E tamén constitúe unha evidencia a persistencia dun sistema mediático, público e privado, que retroalimentou, coa súa benevolencia e cativo pluralismo, a hexemonía continuísta de semellante poder político.

O PP é un xigante electoral mais ten algunhas eivas que non pode seguir agachando.A “fuxida” de Núñez Feijoo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do País.Votos si, moitos, pero persoas afiliadas coa cotización actualizada moitas menos.E dispostas a participar nun proceso interno no que, ademais, non se postula o caudillo de Montepío, moi poucas.

E se colocamos o criterio valorativo na dispoñibilidade para compartir un exercicio colectivo de contraste de ideas e proxectos, os resultados son demoledores:semellante debate nunca existiu.Ben é certo que a responsabilidade principal desta escandalosa carencia residiu na incapacidade dos cadros dirixentes para falar de algo que non fora o reparto do poder interno.O espectáculo que proporcionaron Santamaría e Casado arruínou calquera expectativa de polémica solvente sobre propostas e programas.Por iso non fixeron o debate retoricamente anunciado:para escenificar unha loita descarnada polas cadeiras da rúa Génova, mellor facela na opacidade conspiratoria ben coñecida polos protagonistas.E o presidente galego fixo a súa particular contribución a semellante falta de transparencia, refuxiandose na suposta autonomía decisoria das persoas compromisarias.Nin afinidades ideolóxicas nin coincidencias políticas:cálculo, puro e duro, dos rendementos orgánicos dunha ou doutra opción.

O artigo 6 da actual Constitución española afirma literalmente que “os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son ferramenta fundamental para a participación política”.Este Congreso do PP emendou, de facto, a finalidade establecida nesa norma básica.A conclusión resulta pertinente:entre a comemoración retórica dos 40 anos de vixencia do texto constitucional e o cumprimento real de moitas partes do mesmo hai unha distancia incompatíbel coa sustentabilidade dunha cultura democrática de calidade
 

Mariano Rajoy nun acto político do Partido Popular en Pontevedra
Mariano Rajoy nun acto político do Partido Popular en Pontevedra

Viñeta de López - Adeus Rajoy
Viñeta de López - Adeus Rajoy
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.