Os sinais do Camiño, branco de vandalismo por presuntos intereses particulares

Eva García, alcaldesa do Porriño, declara a Galicia Confidencial que hai desacordo entre os hostaleiros do polígono das Gándaras co novo traxecto que pasa polo concello pontevedrés.

Por Galicia Confidencial | Santiago-O Porriño | 20/07/2018 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O traxecto deseñado pola beira do río Louro estaría detrás do “conflicto cos hostaleiros” instalados no polígono industrial do concello do Porriño, segundo a alcaldesa da localidade. O novo  traxecto desvía os e as peregrinas do Camiño Portugués fóra da área industrial. O motivo non é outro que a seguridade dos camiñantes ao pasaren por unha zona cunha alta intensidade de tráfico pesado.

Camiño de Santiago
Camiño de Santiago

“O Camiño histórico transcorría por onde hoxe está o polígono” declarou Eva García. “Cando a Xunta, que ten as competencias sobre a ruta, decidiu abrir unha nova alternativa, comezou o boicot á nova vía”. As accións que poderían ser actos de vandalismo, motivaron que a Garda Civil teña montado vixilancia no camiño xunto ao río sen que polo de agora houbese sancións contra ninguén. O caso é que, como apunta a alcaldesa, “houbo momentos nos que tivemos que rescatar peregrinos por perdérense por culpa das modificacións nos sinais”.

Eva García apunta que “isto non é só cuestión de tomar medidas, é cuestión de sentarse e negociar entre todos os sectores, administracións, hostaleiros e asociacións do Camiño, para chegar a unha solución”. Tamén aposta pola dobre indicación, a do Camiño histórico e a nova ruta.

ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

Desde Turismo de Galicia, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, apuntan sobre este punto que “con independencia da capacidade sancionadora da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Turismo de Galicia tamén o prevé a través da Lei de Turismo de Galicia”, esta lei regula como infracción "instalar ou modificar a sinalización turística e do Camiño de Santiago sen respectar a normativa sobre sinalización e sen as autorizacións esixidas".

Turismo de Galicia tamén recoñece que varios dos danos producidos no Camiño son actos intencionados e por tanto “facemos un labor permanente de mantemento nos itinerarios do Camiño de Santiago en Galicia que inclúe a limpeza e renovación periódica das mouteiras danadas por vandalismo ou extraviadas por roubo co fin de velar polo perfecto estado da sinalización en todas as rutas de peregrinación”.

Sobre a sinalización de todo o traxecto, desde a administración autonómica “estamos a homoxeneizar a sinalización en todos os itinerarios dacordo coa nova homologación oficial e seguindo o cronograma previsto no Plan director do Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2021” Cada ano adícase a un itinerario, concretamente o 2018 está centrado no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. “Actuamos xa no Camiño Francés, no Camiño do Norte, no Camiño Primitivo, no Camiño Inglés e no de Fisterra Muxía.  O calendario ata 2021 continuará coa Vía da Prata e o Camiño de Inverno”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 BeneB

Eu traballo no polígono e vexo pasar os peregrinos. Do meu punto de vista é unha vergonza, pésimo lugar para camiñar, tráfico pesado, ruído intenso, por asfalto ou beirarúa sen unha sombra. Dende logo, para espantar camiñantes é ideal. Esa é a oferta da Galiza....... non debería haber dúbida, os intereses dos peregrinos por diante dos hostaleiros.