Piden que se expliquen nos centros escolares as consecuencias en Galicia do Golpe do 36

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) reivindicou este punto na celebración do XII Encontro Anual que se fixo este domingo na Illa de San Simón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2018 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) reclamou que nos centros escolares da comunidade se explique o Golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, e as súas "devastadoras consecuencias para Galicia". Así o reivindicou a entidade no transcurso da celebración do seu XII encontro anual, realizado este domingo na Illa de San Simón (Pontevedra), coincidindo co aniversario do Golpe de Estado.

Celebración do XII encontro anual da IGM. INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA
Celebración do XII encontro anual da IGM. INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA | Fonte: Europa Press

"Que o paso polas aulas sirva ao alumnado galego para coñecer a historia do país nas primeiras décadas do século XX", subliña a entidade nun comunicado, para "que coñeza con rigor o sucedido durante a II República e a devastación humana, social e política causada polo golpe militar, así como as consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que a Ditadura deixou na actual sociedade galega".

No acto da Illa de San Simón participaron preto de cincocentas persoas, na súa maioría pertencentes a colectivos de memoria, aínda que tamén unha delegación formada por profesorado e alumnado de distintas etapas do CPI O Toural de Vilaboa, na que se desenvolve un proxecto pedagóxico baseado na recollida de memoria oral na propia familia. Tanto a profesora Susana Vidal como as alumnas Marta Ríos, Ana María Beloso, Lúa Rodríguez, Isabel Couso e Leire Gil, protagonistas do acto central, insistiron na importancia de abordar uns temas que "moitas veces foi silenciado no fogar".

O programa de actividades completouse coa presenza de Celia García Pillado e Enriqueta Otero, descendentes de represaliados, para que contasen a súa propia experiencia. Celia, segundo relata a IGM, "colleu a substitución da xente maior da súa familia, tantos anos silenciada polo medo e como membro da ARMH do Barbanza leva anos denunciando non só as vexacións sufridas pola súa avoa", senón tamén "a pervivencia no seu concello, Ribeira, de simboloxía fascista e de homenaxes a represores".

REIVINDICACIÓN DO ESTUDO DO GOLPE MILITAR

En coincidencia con esta conmemoración, a IGM reclamou que se estude, desde unha óptica galega, a historia do levantamento militar fascista contra a República, a represión posterior e a "pervivencia do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional". Ademais, a asociación reclama que este estudo profunde na "devastación humana, social e política causada polo golpe militar e a Ditadura e na comprensión das consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que tivo para a sociedade actual".

A IGM defende que a incorporación destes contidos teña como referencia os tratados internacionais asinados polo Estado en materia de dereitos fundamentais e as esixencias das Nacións Unidas. Nesta liña, ampara a súa reclamación nos principios de que o ensino "debe deixar de ocultar a verdade da historia dos feitos que sucederon" en España, promover os valores de respecto aos dereitos humanos e fomentar os valores democráticos, "para o que é indispensable educar na asunción do pluralismo político".

Como paso previo ao acto central, a organización programou dúas rutas de memoria, guiadas por Luís Bará, parlamentario e autor do libro 'Non deas a esquecemento' e Matías Rodríguez da Torre, "guía habitual da Illa, antes de que o actual goberno da Xunta baleirase San Simón de calquera contido relacionado co recoñecemento ás vítimas da represión", segundo afirma a entidade no seu comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Raxó

Non logro atopar denuncia algunha do "guía habitual da illa" nin do parlamentario e bareador Lois Bará sobre as rúas a ministros franquistas que perviven nun concello gobernado polo BNG como Poio e con alcalde da UPG desde o século pasado. Tempo tería. Ou non? Así que deixen de impostar.