Os límites para desfrutar do monte

A Audiencia de Pontevedra absolveu a catro traballadores de montes de Vigo dun delito de homicidio en grao de tentativa por falta de probas. A polémica estaba sobre quen puxera unha pedra nunha vía forestal causante dun accidente que tivo como consencuencia a tetraplexia dun ciclista. Ciclistas de Vigo din que o sentido de propiedade dos comuneiros tivo algo que ver. Os comuneiros de montes din que si a un uso do monte, pero dentro duns límites.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O uso das diversas pistas e estradas de acceso aos montes sempre foi motivo de desconfianza por parte dos propietarios, sobre todo cando nos últimos anos a modalidade ciclista mountainbike comezou a levar persoas a practicar este deporte polas abundantes vías forestais. O caso é que os propietarios, sempre temerosos dunha acción contra as plantacións forestais ou as propiedades, non son moi partidarios dunha circulación libre e sen restriccións polos montes ben con bicicletas, ben con outros vehículos.

Proba ciclista en Dumbría.
Proba ciclista en Dumbría. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo

En 2014 un accidente no Monte Alba de Vigo tivo como consecuencia que un ciclista acabase tetrapléxico logo de que tentase evitar unha pedra que estaba no medio do camiño. Os ciclistas, que coñecían o terreo por onde se movían, dixeron nas súas testemuñas que tanto as pedras como os troncos no camiño foran postos a man tenta. A sentenza finalmente, absolve aos traballadores da comunidade de montes. A resposta que dá o tribunal é que aquela pedra e outras máis estaban colocadas para facer dano segundo os testemuños de ciclistas e policías locais que investigaron o caso. Non obstante, non se concluiu quen puido ser a persoa ou persoas que puxeron os obstáculos no camiño. Tampouco se chegou á certeza de que houbese un clima de confrontación entre propietarios e ciclistas como contexto para que ocorrese o accidente.

QUEN PODE CIRCULAR?

O artigo 98 no seu punto 1 da lei de montes de 2012: “Todo camiño de tránsito rodado de titularidade pública ou privada, fóra da rede de estradas, vinculado á xestión forestal e situado en solo rústico de protección forestal terá a consideración de pista forestal, e quedará adscrito á xestión agroforestal, e, en ningún caso, terá a consideración de acceso rodado público para os efectos previstos na lexislación urbanística”. É dicir, a figura deste tipo de vías forestais non está contemplada como unha vía pola que se puidese circular da mesma maneira que se fose urbana. Mesmo tampouco tería a consideración de circuito deportivo e a este punto é ao que se remiten propietarios de montes cando non senten que se respeta a propiedade destes  camiños.

“Nós o que dicimos é que se poden marcar uns circuitos, unhas vías para o ciclismo e para outras actividades, pero zonas marcadas para iso” do Manuel Alonso da Comunicade de Montes de Zamáns, Vigo. “O monte si está para o disfrute pero hai que ter en conta que non é de todos” di Alonso querendo remarcar a xestión privada de montes o que inclúe pistas e estradas forestais.

“O monte pode ter un uso social e que axude no seu mantemento, cunhas normas” di Gregorio Álvarez da Comunidade de Montes de Valadares, Vigo. “O uso social do monte non significa facer responsables de accidentes ás comunidades de montes e propietarios” di Álvarez. “O monte ten riscos e nós non queremos facernos responsables de quen vai polo monte, por outra parte, os ciclistas de aquí entenden que son propiedades privadas”.

O caso é que tanto o punto dous como o punto tres do artigo 98 da lei de Montes establece uns límites aos vehículos motorizados. Queda prohibido a circulación nas vías privadas e campo a través, coa excepción de vehículos de prevención de incendios e outros labores relacionados co monte e actividades como a caza e a pesca.

A lei segue falando de vehículos con motor no seu artigo 88, sobre servizos do monte, cando fala de actividades que non sexan as propias da explotación do monte, caza ou pesca. Así, os e as propietarias de monte, tal como din desde algunhas comunidades de montes, si se poden facer actividades de tipo social. “A Administración forestal e os propietarios poderán fomentar a creación e a mellora de montes periurbanos para fins sociais e educativos, e regularán o seu gozo baixo o principio do respecto ao medio natural”, di o punto 1 do artigo xa mencionado.

O punto 2 do mesmo artigo 88, fai referencia a “realización de actos, incluidos os de motor, con asistencia de público” o que dá pé a interpretar que as probas ciclists estarían incluidas dentro dos actos con púbico. Pero o que non queda claro é se se admite a simple práctica dun deporte como o ciclismo dentro das pistas forestais e por tanto, tampouco queda marcado quen sería responsable no caso dun accidente.

RELACIÓNS DEPORTISTAS PROPIETARIOS

“Non tivemos problemas coas comunidades de montes ou con propietarios por esta zona” di César Iglesias do Club Ciclista La Vivariense de Viveiro, Lugo. “Só circulamos polos camiños que están feitos e nada máis”. Pero as relacións non son sempre cordiais. “En Galicia temos unha idea particular do que é a propiedade privada o que ás veces leva a algún conflito cos propietarios” di Gerardo, ciclista vigués de mountainbike. “Din que degradamos o monte, pero cando nós pasamos eses montes están limpos, pero cando hai cortas de madeira, cando abren camiños de acceso para os camións e logo deixan os refugallos da corta,  pois aí si está o monte degradado” sinala Gerardo. “Cremos que os montes arredor de Vigo están mal regulados en canto a usuarios do monte, en canto entrada de persoas que queren disfrutar del, pero nós o que seguimos en principio son as restriccións da actual lei de montes” finaliza o ciclista vigués.

“Eu  mesmo practico bicicleta” di Gregorio Álvarez, presidente da Comunidade de Montes de Valadares. “E estou de acordo con que hai que buscarlle unha solución ao acceso das persoas aos montes, por iso falamos de sentarnos propietarios, concellos, asociacións deportivas e quen faga falla para buscarmos unha solución” di Álvarez. “Estamos abertos ao diálogo sobre o disfrute do monte pero non queremos estar pendentes da seguridade dentro del, iso non nos corresponde” di Manuel Alonso da Comunidade de Zamáns, “para iso poden delimitarse zonas e non deixar que anden por onde queiran” remata Álvarez.

A cuestión ou visión sobre o uso para disfrute do monte, do uso social fóra do industrial ou agrícola, está delimitado pola lei de montes. Non obstante, hai algúns puntos que non estarían aínda moi claros como son que acontece con vehículos que non son a motor, como as bicicletas. Por outra parte, as mesmas vías forestais, ademais da subdivisión en privadas e públicas, tamén teñen que ter unhas características que as diferencien do que é unha pista forestal e da que non é. Así as que só se abren para permitir o paso temporal para cargar madeira ou entrar maquinaria non teñen a consideración de pista forestal. Quen se faría cargo dun accidente se esa entrada queda aberta, se non se repara para non confundila cunha pista auténtica?

En tal caso, existe un choque claro entre dúas concepcións do monte. Unha, a que ve o monte como unha propiedade privada onde non se pode entrar e por tanto é un couto pechado e, por outra banda, a visión de sentir o monte como un terreo que debera ser disfrutado por todos, haxa ou non propiedades privadas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta