Rueda tamén nega unha "viraxe á dereita" no PP, que "debe ocupar un espazo importante no centro"

Ve o seu nomeamento na executiva nacional como un "recoñecemento" que supón "un traballo engadido pero tamén complementario".

Por E.P. | VIGO | 23/07/2018 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta e presidente do PP na provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, rexeitou "que houbese unha viraxe á dereita neste congreso", e, de feito, considerou que "o PP debe ocupar un espazo moi importante no centro político". "Non facer iso sería un erro, e creo que ese erro non o vai cometer Casado, nin moitísimo menos", selou.

Alfonso Rueda após o Consello da Xunta
Alfonso Rueda após o Consello da Xunta

Ao ser cuestionado por temas de partido durante un acto celebrado este luns na cidade de Vigo, Rueda remarcou que o PP "ten que seguir sendo un partido co que a xente se identificou" e que "serviu para gañar moitísimas eleccións".

Neste marco, negou unha "viraxe á dereita" durante o congreso, e remarcou que o que sentiu é que eran "todos do Partido Popular, con moitísimas sensibilidades pero cunha serie de principios que identifican a todos". Neste senso, chamou a "non perder a perspectiva de que hai que integrar a moitísima xente".

"Creo que o primeiro logro ten que ser conseguir un partido unido, e despois das votacións hai un só presidente. Falo de integración, seguro que se vai a conseguir, hai que traballar todos xuntos e a iso ímonos dedicar", subliñou, incidindo en que "a iso se está dedicando o presidente dende o primeiro momento".

Neste sentido, asegurou que Casado vai contar con "todo o apoio dende Galicia e Pontevedra". "Igual que o tería a outra candidata Soraya Sáenz de Santamaría se fose presidenta; pero o presidente é Casado, e aí estaremos para apoiarlle e axudarlle nunha comunidade tan importante para o futuro do PP no seu conxunto", remachou.

UNHA NOVA ETAPA

Rueda tamén manifestou o seu "agradecemento e recoñecemento ao inmenso traballo que fixo o anterior presidente do Goberno, Mariano Rajoy", aínda que sinalou que coa elección dun novo presidente e unha nova dirección ábrese "unha nova etapa" na que é o momento "de mirar cara a adiante" e facer fronte aos retos actuais.

Así, incidiu en que o PP ten que traballar por seguir "sendo a primeira forza política de España, e por suposto de Galicia", e ten que ter o "obxectivo claro de gañar as eleccións e gañar o goberno". Con este obxectivo en mente, comentou que as eleccións municipais (e autonómicas en varias rexións) van "ser o primeiro toque para ver se o partido consegue recuperarse". "A miña sensación é que si; e o novo presidente, ao que eu persoalmente apoiei e formo parte do seu comité executivo, vai responder a moitísimas aspiracións que tiña a xente que lle apoiou, e que non lle apoiou", selou.

MEMBRO DA EXECUTIVA

Precisamente en canto ao seu nomeamento como parte do Comité Executivo Nacional, manifestou que é "unha satisfacción" que saíse elixida a lista na que se integrou, o que ve como "un recoñecemento pero tamén unha responsabilidade". "Gústame máis que se fose o resultado contrario", apuntou en relación á outra candidata.

"É a primeira vez que vou formar parte do Comité Executivo Nacional, e por tanto é un traballo engadido, pero tamén complementario. O meu traballo vaise centrar principalmente no que poida facer en Galicia e especialmente en Pontevedra", comentou, antes de trasladar a súa ilusión e o seu agradecemento a Casado "pola confianza" depositada nel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta