Temas: FESTAS VERáN

Música, auga e festa para todas as idades en Verín

Os días 27 e 28 de xullo a vila do Támega celebra a Batucada, un evento que espera repetir o éxito do pasado ano. Un tobogán xigante de 60 metros, algunhas das mellores batucadas de Galicia e o concerto dos Gin Toni’s entre os atractivos desta edición.

Por X.M. Fernández | Verín | 24/07/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A festa comezará o este venres, ás 11:00 horas, co “Desfile da Ludoteca Especial Batucada” no que os cativos e as cativas lucirán os seus traxes polas rúas de Verín. O percorrido parte do CEIP Amaro Refojo e irá por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Merced, e Rúa da Cruz ata a Praza  García Barbón. A mañá rematará coa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca”, ás 12:00 horas, no CEIP Amaro Refojo.

Emilia Somoza, Concelleira de Cultura, co cartel do evento. Fonte: Concello de Verín
Emilia Somoza, Concelleira de Cultura, co cartel do evento. Fonte: Concello de Verín

Pola tarde, de 16:30 a 20:30 horas, celebrarase a “Festa Acuática na Praia Fluvial” para que os cativos, e os que non o son tanto, gocen xogando coa auga. Este ano haberá animación musical, inchables de terra e, como novidade, un tobogán acuático xigante de 60 metros de lonxitude. Esta atracción está enfocada a un público tanto infantil como adulto e o prezo da entrada será de 5 euros por xornada completa (Co pago da entrada, entregarase unha pulseira de control de acceso que permitirá ao usuario/a acceder ao tobogán durante toda a xornada). A pulseira poderase mercar na tenda oficial de Batucada situada na Praza García Barbón, tenda oficial que segue o modelo da que hai no entroido para poder levar un útil e fermoso recordo desta magnífica festa de verán.

Pola noite do venres é o momento da “Batucada Alternativa” na Praza García Barbón e cun escenario que acollerá das 20.30 ás 3.00 horas grupos de diferentes estilos, moitos deles de Verín: o músico Brais Calles (Hang Drum e Didjeridoo) e os grupos locais  Dous de Picas (Folk) e Mike Wass & Mind Archives (Electrónica) e  Vicky, Toné e Fran, outro grupo tamén local.

O sábado 28, ás 16:30 horas, celebrarase na Praza García Barbón, a "Gran festa da escuma e a auga" coa animación a cargo de Discomóbil A Gramola. Ás 19:00 horas comezará o “Desfile Pasa-Rúas da Batucada” que sairá  da Praza García Barbón e continuará pola Rúa Cruz, a Praza da Merced, a rúa Laureano Pelaez e a rúa Irmáns Moreno ata chegar ao Pavillón de Deportes. Este ano, o desfile contará coa presenza dalgunhas das mellores  batucadas de Galicia, Kilomberos de Monte Alto (A Coruña), Xituma Batuke (Xinzo de Limia) e Trópico de Grelos (Santiago de Compostela). Ao remate do desfile, sobre as 20.30 horas, na Rúa Irmáns Moreno, Enjoy Disco Móvil Jorge dará continuidade á animación musical.

Como fin de festa, o Grupo Gin Toni´s, pechará esta edición da Batucada con temas dos 80 e dos 90 que  marcaron unha época e a varias xeracións. Esta formación, coñecida a nivel de Galicia, ten unha importante presenza nas provincias de Lugo e Ourense. O concerto será na Praza García Barbón ás 00.00 horas.

Tenda oficial da Batucada 2018. Fonte: Concello de Verín
Tenda oficial da Batucada 2018. Fonte: Concello de Verín

Temas: FESTAS VERáN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta