O sector audiovisual únese a prol do “cinema heroico galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta un manifesto co apoio inicial de 150 profesionais do sector e diversas compañías e institucións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente un manifesto chamado O cinema heroico galego para lanzar unha campaña de apoio en favor do cinema rodado en lingua galega. O documento conta co apoio inicial de 150 profesionais do sector e diversas compañías e institucións como a Academia Galega do Audiovisual, Asociación de profesionais da dobraxe, Asociación de Produtoras Independentes, Asociación Galega de Actores e Actrices, entre outras.

Presentación do manifesto “O cinema heroico galego”
Presentación do manifesto “O cinema heroico galego” | Fonte: A Mesa.

O presidente da Mesa Marcos Maceira, argumentou que “no século XXI, sen audiovisual, sen cinema non podemos inmortalizar a nosa historia nin aquilo que queremos dicir como pobo”.

Maceira salientou a capacidade creadora do pobo galego exemplificando como a pesar da ditadura e dos séculos escuros a literatura galega floreceu e deu grandes escritores e escritoras.

Para a asociación en defensa e promoción do galego é unha "anomalía que o galego non teña presenza na televisión, nas salas de cinema en Galiza ou nas novas plataformas dixitais como Netflix cando noutras linguas como o euskera e o catalán si hai presenza".

Para Maceira “é unha cuestión de dignidade que o pobo galego poida expresarse e desfrutar dun sector audiovisual en galego”. Por iso, desde A Mesa consideran que "non se poden consentir os problemas que poñen as distribuidoras para proxectar filmes en lingua galega ou o desleixo total da Xunta de Galiza de promover o sector audiovisual".

“Na práctica están furtando o dereito dos galegos e galegas a veren e desfrutaren do cinema en lingua galega, na súa lingua” concluíu.

UNIÓN DO SECTOR

A presidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices Nieves Rodríguez puxo en valor a importancia que ten o galego para o sector audiovisual, xa que “o galego une" e "temos o firme compromiso de apoiar o manifesto que lanza a Mesa”, dixo.

Mabel Rivera actriz e vicepresidenta da asociación fixo fincampé na necesidade de que se conte con actores e actrices galegos, pois son axentes normalizadores que transmiten o idioma.

Pola súa banda, a presidenta da AGAPI Uxía Caride, reclamou o apoio das institucións para o audiovisual galego, pois teñen a obriga de promover a lingua e cultura deste país, mentres que a directora de cine Anxos Fazáns reivindicou que os filmes que teñen actores e actrices galegas deberían ser feitos en galego sen que fose unha anormalidade e expresou as dificultades para traballar en galego en Galicia.

Laura Fernández, representante de Vía Láctea Filmes, argumentou que “para a produtora sempre se apostou por rodar, non só en Galiza, senón tamén en galego”, algo que lle supuxo obstáculos pero que afrontan co compromiso firme en favor da lingua galega e animou as distribuidoras a contar con cinema en lingua galega nas súas salas. O director desta produtora, Ignacio Vilar botou en falta que o Goberno galego non aposte polo sector audiovisual a pesar de ser un sector estratéxico.

Quen asina o manifesto pode verse en www.manifestocinemagalego.gal e desde as entidades fan un chamamento a apoialo masivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Frances Sieiro

Importante para todo galego con dignidade.

1 Galegus

Unirse a un chiringuito ultraupegallo como A Mesa es asociar el cine gallego a la marginalidad y al fanatismo político.