Cúmprese o soño de Carlos Maside: a súa obra será exposta en Santiago

O Consorcio de Santiago adquire o legado do pintor por valor de 430.717 euros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá a gran obra do pintor Carlos Maside. Cúmprese así o desexo do artista de ver as súas principais pinturas expostas na capital Galega. Deste xeito, 21 cadros, deles 13 son óleos sobre lenzo, 1 pastel, 3 gouache e 4 debuxos a lapis estarán expostos ao público.

Obra de Carlos Maside
Obra de Carlos Maside | Fonte: Cedida

Esta obra é primordial para coñecer a arte galega da primeira metade do século XX. Inclúe obras que abranguen dende 1930 ata osanos 50 onde se pode apreciar a traxectoria pictórica do artista, pois trátase de pezas de referencia do mesmo.

Foi no transcurso da xuntanza do padroado do museo, onde se deu conta da adquisición, por parte do Consorcio, do legado do pintor Carlos Maside, por un importe global de 430.717 euros, o 50% do cal será financiado polo organismo interadministrativo e a parte restante pola Deputación da Coruña. O acordo entre ámbalas dúas institucións permitirá que as obras permanezan en Compostela, cumprindo así o desexo do artista.

As obras, ata o de agora en mans da familia, están depositadas na Fundación Granell. A intención das distintas Administracións é que este legado estea permanentemente exposto ao público, dada a súa importancia e transcendencia artística pero tamén histórica, como un novo punto de atracción e dinamización cultural e turística da cidade.

PINTOR RENOVADOR

Carlos Maside foi unha renovador da arte galega xunto a Colmeiro, Seoane, Souto e
Laxeiro
; a súa obra, entendendo por tal o seu traballo artístico, polifacético, multidisciplinar e intelectual, e a súa produción, son imprescindibles para comprender o renacer da arte galega nestes anos e o avance da plástica en Galicia. Pertencía a ese grupo de artistas que Seoane acuñou co nome de Vós Novos; un grupo que representaría unha actitude intelectual e artística máis crítica coa realidade política e social que a da Xeración Nós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

Para ben...parabéns!