Por Galicia Confidencial | Mugardos | 25/07/2018 | Actualizada ás 15:22
Federalismo, republicanismo e loita de clases. Foron os eixos principais dos discursos dos principais dirixentes de Esquerda Unida, formación que este mércores celebrou o 25 de xullo cun acto en Mugardos baixo o lema “Defender o municipalismo rebelde para construír República”.
Na súa intervención, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, destacou os executivos nos que goberna EU. “A día de hoxe os concellos do cambio e rebeldes, constantemente atacados e estrangulado, son fundamentais para ter unha saída aos problemas da cidadanía e básicos para a contribución do cambio histórico. Por iso compre resaltar o traballo posto en marcha polas compañeiras e compañeiros dende o ano 2015, por esa aposta por reclamar o papel dos concellos dentro do modelo que defendemos”.
Por iso, e para amosar ese "músculo institucional", neste acto tamén participaron a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, ademais do secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, e o membro da dirección de Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, entre outros. Na súa intervención, o rexedor de Ferrol, insistiu nos valores republicanos. “A importancia de seguir a pular polos dereitos dun país; e facelo, dende posturas e palabras que semellan hoxe proscritas, como o republicanismo, a loita de clases, ou o dereito dos pobos a defenderse das agresións”, indicou.
Ademais, destacou o “poder” de EU na actualidade. Unha organización, dixo, “máis forte que nunca no institucional e tamén na militancia”. “Ver tanta xente hoxe debe encher de orgullo a todos os que loitaron no ámbito político e sindical para que hoxe poidamos estar aquí e seguir a pular pola creación de República, coa que finalmente venceremos”, remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.