En Marea ve "totalmente insuficiente" o ditame do PP para a comisión de incendios

O partido instrumental presenta 38 emendas con máis de 112 puntos ao borrador para parar a plantación de eucaliptos e pedir máis recursos económicos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2018 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O grupo de En Marea no Parlamento galego ve "totalmente insuficiente" a proposta de ditame para a comisión de incendios que o PP presentou a principios de mes: "Sacan adiante as emendas que lles interesan e obvian as voces críticas".

Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Paula Quinteiro en rolda de prensa. EN MAREA
Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Paula Quinteiro en rolda de prensa. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Así o esgrimiu a deputada Paula Quinteiro, quen afirma, segundo informou o partido instrumental nun comunicado, que o borrador da populares evidencia "que non existe vontade real para levar a cabo transformacións".

"A realidade é que non queren cambiar o modelo, a pesar de estar demostrado que se trata dun modelo fracasado e que está a ser a verdadeira orixe do problema dos incendios cunha aposta por un modelo forestal cada vez máis privatizado", critica En Marea.

Neste sentido, Quinteiro referiuse a "dúas ausencias relevantes" no ditame do PP. Por unha banda, o partido instrumental asegura que "non contempla aumento de recursos humanos nin económicos para levar adiante as medidas" de prevención de incendios. Doutra banda, "tampouco existe un mecanismo de control".

"O PP non entendeu que o problema dos lumes non se pode solucionar sen atallar os problemas estruturais do país", lamentou a deputada. Ademais, ao seu modo de ver, resulta "significativo" que nin Ence nin a Unidade Militar de Emerxencias (UME) aceptasen comparecer na comisión do Parlamento galego. "Moito terán que calar", sentenciou Quinteiro.

EMENDAS AO DITAME

Por todo iso, En Marea presentou 38 emendas con máis de 112 puntos de adición ao borrador do PP dirixidas a pedir máis recursos e limitar a simplificación da normativa para evitar que dar máis facilidades nos permisos danen o medio ambiente, entre outras cousas.

Así mesmo, tal e como puntualizou o deputado Davide Rodríguez, o partido instrumental pide "parar" a plantación de eucaliptos para "reducir a presenza desta especie en zonas de vocación agraria, así como en espazos protexidos". Ademais, o grupo pide un plan para "revitalizar as comunidades de montes en man común fronte ao abandono da Xunta".

"A única forma de acabar con esta problemática pasa polo desenvolvemento rural, e para iso hai que deixar atrás as políticas que agravan as diferenzas entre o rural e o urbano", declarou Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta