Isabel Pardo de Vera, a primeira muller en gañar a Medalla do Eixo Atlántico

Xunto con Pardo de Vera, presidenta de Adif, tamén será galardoado José Albino Silva Peneda, presidente da CCDRN en 1995 e ministro do goberno portugués entre 1987 e 1993, pola súa defensa dos intereses da rexión norte de Portugal e de cooperación con Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2018 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O Eixo Atlántico aprobou a concesión das Medallas de Ouro da entidade á actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e a José Albino Silva Peneda, presidente da CCDRN en 1995 e ministro do goberno portugués entre 1987 e 1993 pola súa contribución á construción e desenvolvemento da eurorrexión. Estas medallas entregaranse nun acto solemne que se celebrará o próximo mes de febreiro, coincidindo coa celebración da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico no Barco de Valdeorras.

Isabel Pardo de Vera, galardoada
Isabel Pardo de Vera, galardoada

OS GALARDOADOS

José Albino Silva Peneda foi presidente da CCDRN en 1995, compartindo a presidencia da Eurorrexión con Manuel Fraga Iribarne. Anteriormente foi ministro de Emprego e Seguridade Social no XI e XII Goberno Constitucional de Portugal entre 1987 e 1993. Ata a súa recente xubilación foi presidente do Consello Económico e Social de Portugal desde o 22 de decembro 2009 a 1 de maio de 2015, cando renunciou para asumir funcións de asesor do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Junker. Durante toda a súa traxectoria caracterizouse pola defensa dos intereses da rexión norte de Portugal e da cooperación con Galicia, tendo colaborado co Eixo nalgún dos seus informes estratéxicos de maior relevancia.

Isabel Pardo de Vera é a primeira muller que recibe a Medalla de Ouro do Eixo. Enxeñeira de Camiños, foi directora xeral de Explotación e Construción de Adif, ata o seu recente nomeamento como presidenta deste organismo. Durante a súa etapa como directora xeral foi a artífice da inclusión da liña A Coruña, Vigo, Ourense, O Barco, Palencia na proposta do Goberno español para ser integrada no Corredor do Atlántico, o que finalmente se conseguiu o pasado mes de xuño. Tamén foi a artífice da modernización e electrificación da liña Lugo-Ourense e no momento do seu nomeamento estaba a analizar a proposta do Eixo Atlántico sobre a saída sur de Vigo para determinar a viabilidade da continuación das obras.

MEDALLAS DO EIXO ATLÁNTICO

As Medallas de Ouro do Eixo Atlántico constitúen o galardón de maior relevo e prestixio no ámbito eurorrexional co que recoñecer a aquelas persoas ou institucións que máis se implican e achegan á construción da eurorrexión e ao desenvolvemento da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

As medallas outórganse cada dous anos coincidindo con cada unha das presidencias da entidade. O presidente e vicepresidente someten á consideración da Comisión Executiva os nomes para que esta, á súa vez, os traslade á Asemblea Xeral, que é quen as aproba. Entre os premiados en anteriores edicións atópanse Manuel Fraga, Mario Soares, Gerardo Fernández Albor ou o presidente da Comisión Europea, Jacques Delors.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O problema do Eixo Atlántico é dende hai anos e anos o seu Secretario General Xoán Vázquez Mao que aínda ninguén sabe se é un cargo VITALICIO ou trátase dun submarino transfronteirizo incrustado ab aeteno no chiringuito que él mesmo creou !!! Veredes como a vindeira medalla de Ouro será concedida a él mesmo (se algún día lle chega a xubilación!)