Científicos galegos conclúen que comer mazás non limpa a placa dental

Un estudo feito na Universidade de Santiago desmitifica as propiedades deste froito para o coidado bucal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/07/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Comer unha mazá, contra o que se ten dito, non elimina a placa dental e pode favorecer o rebrote da placa durante as primeiras 24 horas. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado por investigadores afiliados ao Grupo de Investigación en Odontoloxía Médico-Cirúrxica e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con todo, salientan que mastigar mazá si produce unha redución inmediata na viabilidade bacteriana salival similar á do cepillado de dentes.

Mordendo unha mazá
Mordendo unha mazá | Fonte: Gabriel S. Delgado C.

Os estudos sobre a eliminación da placa dental ao mastigar unha mazá son "escasos e anticuados", e mostran "achados contraditorios", segundo os investigadores da USC. É por isto que fixeron este estudo, no que realizaron diversos experimentos cun grupo de estudo de 20 adultos sans con bo estado de saúde oral que foron asignados aleatoriamente para cepillarse os dentes ou comer unha mazá. Despois de dúas semanas, o experimento repetiuse coa orde invertida.

Os resultados do estudo evidenciaron que "mastigar unha mazá non só non reduciu o índice de placa dental, senón que en realidade aumentou", expoñen os autores deste traballo científico.

Nun intento de explicar este achado paradoxal, un voluntario someteuse a un experimento adicional. Primeiro, realizou o cepillado dental utilizando unha técnica convencional, sen límite de tempo, ata a eliminación completa de toda a placa restante (sen evidencia macroscópica de material tinguido nas superficies dentais despois da administración dunha tableta que revela a placa). Logo, mastigou unha mazá Golden Delicious (sen límite de tempo), alternando a mastigación entre os dous lados da boca. Despois de rematar de comer a mazá, administrouse outra tableta reveladora de placa e observouse que a superficie dos dentes estaba cuberta por unha biopelícula discreta.

"Este experimento demostrou que as mazás deben conter algún compoñente capaz de adherirse á superficie do dente que se tingue con eritrosina; outra explicación plausible é que mastigar a mazá estimula o fluxo de saliva, e esta tinguidura é causada pola tinción con eritrosina da película de proteína salival na superficie do esmalte", explican.

Ata a data, estes investigadores só atoparan un estudo, do ano 1973, no que se analizou o crecemento da placa a curto prazo. Traballando nun ambiente escolar durante un período de 10 semanas, os autores daquel estudo atoparon que terminar a comida do mediodía cunha mazá provoca un aumento na acumulación de placa. os investigadores da USC atoparon resultados similares.

No estudo do equipo galego, porén, atopouse unha caída significativa na viabilidade bacteriana inmediatamente despois de mastigar unha mazá. Este resultado, din, "podería ser inducido polo aumento do fluxo salival e pola alcalinización da saliva, o que aumentaría o efecto de lavado e reduciría a concentración bacteriana por mililitro de saliva". Sobre isto, non atoparon ningún estudo previo publicado que utilizase a viabilidade bacteriana para avaliar a actividade antibacteriana da mazá sobre a flora salival.

Así, comprobaron que "a vitalidade bacteriana na saliva 24 horas despois de comer unha mazá volvera aos niveis iniciais; isto non ocorreu co cepillado dental", salientan.

"Despois de terminar de comer unha mazá, o pH alcalino da saliva non se mantén, e a acidez da mazá e dos residuos de alimentos presentes na cavidade oral crean un ambiente ideal para a proliferación non só de bacterias salivais, senón tamén de bacterias que producen a biopelícula da placa dental. Ademais da placa residual deixada pola eliminación mecánica ineficaz por parte da mazá, a maior concentración de bacterias salivais contribuirá ao novo crecemento da placa", aportan os científicos.

Con todo, os autores do estudo recoñecen que o seu traballo ten certas limitacións que se deben ter en conta e asumen que "pode non ser apropiado extrapolar os resultados".

O traballo, titulado 'Effect of chewing an apple on dental plaque removal and on salivary bacterial viability', vén de publicarse en PLOS ONE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jose K

Los dentistas suelen recomendar que se haga uso de cepillos eléctricos ya que con los manuales solemos realizar el cepillado mal y sin el tiempo recomendado. Y luego aparecen este tipo de cosas. Aunque también es cierto, como se comenta en el articulo, que la alimentación juega un papel muy importante y va muy directamente ligado a la salud bucodental. De todos modos para una completa higiene bucal, no solo es suficiente con buena alimentación y cepillarse con un cepillo eléctrico, también hacer uso de un irrigador dental mejora considerablemente la salud de la boca.