A Xunta desafía á Deputación de Pontevedra que achegue unha solución para a vía rápida do Salnés

A conselleira de Infraestruturas defende a súa planificación "clara, concisa e obxectiva" e achaca os atascos a situacións "concretas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2018 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, retou á Deputación de Pontevedra a presentar unha solución técnica que sexa "viable" e que respecte a protección ambiental da Rede Natura para executar o desdobramento da vía rápida do Salnés, entre Sanxenxo e O Grove. "Como é fácil falar do traballo dos demais, eu convido á Deputación de Pontevedra a que nos achegue unha solución técnica viable e compatible coa Rede Natura" desafiou a conselleira, que engadiu que en canto teña esa proposta executarana "de maneira  inmediata", garantiu Ethel Vázquez.

Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo
Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

A titular do departamento de infraestruturas do Goberno galego respondeu á mensaxe que trasladou este xoves a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que lle pedía "menos chorar por Galicia e máis facer pola provincia de Pontevedra" en referencia aos "insufribles" atascos de tráfico que rexistran algunhas estradas da provincia, especialmente a autovía do Morrazo e a vía rápida de acceso ao Grove.

Carmela Silva esixiu que se acometa o desdobramento desta última estrada. Un proxecto que en 2012 chegouse a expor ao público pero que se paralizou despois da publicación dun informe emitido en 2015 pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza que advertía de que o deseño do viario afectaba ao Rego dos Mouros que desemboca no complexo intermareal Umia-O Grove, un espazo integrado na Rede Natura, un contratempo que minimizou a presidenta alegando que "no século XXI a humanidade ten coñecementos máis que sobrados para tomar decisións que permitan construír infraestruturas respectando o medio ambiente".

Neste contexto, a conselleira criticou este venres que a presidenta da administración provincial fale "tan libremente e de forma tan lixeira" destes temas, e interpelou a esta institución para que remita ao Goberno galego unha proposta técnica para ampliar a capacidade de dita vía de comunicación.

UN TRABALLO "INCUESTIONABLE"

Así mesmo, Ethel Vázquez insistiu en que calquera deseño debe "respectar" a Rede Natura e defendeu o "incuestionable" traballo que executa a Xunta para mellorar as comunicacións, a mobilidade e a seguridade viaria na área de Pontevedra. Entre outras actuacións, destacou os 50 millóns de euros investidos na autovía do Morrazo, o plan de sendas de Galicia, o plan de reforzo do firme nas estradas de titularidade autonómica ou a aposta polo plan de transporte metropolitano.

"Dubido que a Deputación teña unha planificación tan clara, concisa e obxectiva", afirmou Ethel Vázquez, que achaca os atascos a situacións "concretas" derivadas do bo tempo e do aumento do volume de vehículos que acceden ás zonas de costa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta