Galicia, primeira potencia pesqueira de peixe espada

A especialización na captura desta especie comezou nos anos 80-90. Actualmente o porto de Vigo está entre os que máis volume moven en todo o mundo. A frota espadeira, debido ao carácter migratorio deste peixe, está espallada por todo o mundo cunha cantidade aproximada de 130 buques. No trienio 2013-2015 as capturas de barcos galegos foi a primeira do mundo seguida por Taiwan.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O peixe espada supón a día de hoxe un volume de negocio importante. Forma parte das capturas dentro da frota galega desde os anos 80, cando se observou a potencialidade desta especie que ata daquela era capturada no sur da Península. O Mediterráneo é un dos lugares máis importantes de desove para o espada,, isto traduciuse en que Italia sexa un dos principais consumidores deste peixe.

Peixe espada na lonxa
Peixe espada na lonxa | Fonte: Wikipedia

Hoxe por hoxe pódese afirmar que a inmensa totalidade da frota espadeira é galega. O caso é que, igual que noutro tipo de embarcacións, hai unha boa parte de tripulación foránea ou extragalega. Os motivos radican no abaratamento en canto salarios ao resultar máis económica a contratación de persoal procedente doutros países de fóra da UE sobre todo. Por outra parte, tamén hai que contar coa singularidade desta pesca sobre todo cando é de altura, a grandes distancias, no Índico, Pacífico ou Atlántico Sur.

O PEIXE

O peixe espada é unha especie migratoria por iso é posible capturalo en case todos os mares e en diferentes latitudes, preferentemente en augas que van de tropicais a tépedas. A desova prodúcese sobre todo no Golfo de México, en augas tropicais e tamén, como xa apuntamos en áreas do Mediterráneo. O exemplares poden ser dunha lonxitude media de metro e medio  aínda que houbo especimes capturados de maior lonxitude e de media tonelada.  A principal fonte de alimentación son outros peixes e tamén luras. Entre os seus depredadores están o marraxo e o ser humano.

Tradicionalmente era unha captura que se desenvolvía no Mediterráneo, sendo Italia o país de maior receptividade para este peixe. A día de hoxe o italiano segue sendo un dos grandes mercados para o espada, cousa que contrasta coa baixa proporcionalidade da frota espadeira do país trasalpino. O caso é que a carne do espada ten semellanzas coa do atún e resto de túnidos, sen espiñas, cousa que o fai moi atractivo no consumo doméstico e é unha boa fonte de proteínas. Non obstante, existe a sospeita de que a carne de espada ten altas concentracións de metilmercurio, elemento pesado que entra na cadea alimentaria ata chegar ao ser humano. Polo de agora estase estudando a concentración de metilmercurio tanto no espada como noutras especies. O obxectivo é saber se existe algún risco para o consumo humano.

PESCA

A Consellería de Mar ten contabilizados 97 buques dentro do seu rexistro “non obstante, non podemos descartar que haxa espadeiros que, sendo de propiedade galega, teñan portos base fóra de Galicia” di Mercedes Rodríguez directora xeral de Pesca. Isto último apuntado por Rodríguez, barcos de empresas galegas con base noutros lugares, pode ser o que está detrás do que afirma José Antonio Suárez Llanos director xeral da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi) pois “contamos con que sobre 130 buques son os que se adican a estas capturas”. Pola súa banda, Xavier Aboi, de CIG Mar di que “poden ser os 130, pero deses 128 ou 129 son galegos, aínda que a ICCAT, (Comisión Internacional para a Conservación de Túnidos) podería ter recollidos máis espadeiros nos seus rexistros”.

A captura do espada faise con palangre de superficie. Unha arte de pesca considerada selectiva e que, en principio só afectaría ao espada. “Os barcos levan o engado conxelado, normalmente peixe ou pota” di Suárez Llanos, que tamén aclara “a frota ten unha cota bianual de 11.000 a 14.000 toneladas que se esgotan moi axiña”. As cotas, como outras especies, son concedidas a cada buque “segundo unha serie de parámetros que van desde a tonelaxe, a potencia, capacidade, etc” sinala Suárez.

A día de hoxe o porto de referencia para o espada en Europa é Vigo, aínda que en Galicia tamén se descarga en Marín, A Guarda e Burela. Non obstante, debido aos prezos da lonxa viguesa, é moi frecuente a descarga deste peixe nos peiraos da cidade olívica. No caso do peixe conxelado, as capturas son desembarcadas dependendo do lugar de pesca desde Montevideo, Walvis Bay (Namibia), Callao (Perú) ou Auckland (Nova Celandia). O produto conxelado é introducido en contentores e enviados en mercantes aos portos de destino. 

Moitos dos espadeiros son antigos conxeladores aos que o Goberno quere quitarlles esa categoría” di Xavier Aboi. “O negocio do espada veu cando eses conxeladores e os armadores tiveron que marchar doutras zonas de pesca onde capturaban outras especies” aclara Aboi. Isto trouxo que os espadeiros se reciclasen e comezasen capturas en todos aqueles lugares onde abundaba o espada, praticamente todos os océanos. A partir do ano 2000 a frota puido ampliar o número de buques, pois as restriccións no Índico e Pacífico son máis suaves que no Atlántico Norte por exemplo. Existe risco para a especie? “Non, debido á súa condición de migrante e que existen controis bianuais por parte das empresas ademais de que hai buques con científicos mariños abordo para o control de bancos pesqueiros, non existe risco para o espada” di Suárez Llanos.

TRIPULACIÓNS E PREZOS

Sobre as tripulacións e as condicións laborais das mesmas, hai que dicir que segundo os datos que ten a Consellería de Mar, uns 840 mariñeiros traballan neste sector. “Non descartamos que haxa máis mariñeiros pero estarían en empresas e barcos sen base en Galicia” di Mercedes Rodríguez. “En moitas tripulacións, só o patrón, o motorista e algún especialista máis son galegos, o resto son de países latinoamericanos, africanos ou do Índico” vai apuntando Xabier Aboi que ademais sinala “que a contratación de persoas neses países é doada, só tés que asinar uns papeis no caso de morte prematura e pouco máis”. Para o sindicalista da CIG “non interesa regular o mercado laboral no mar, e no caso de pesca de altura, os mariñeiros tampouco poden votar, por exemplo, cando noutros países da UE iso xa está arranxado”. “Realmente non temos datos sobre a composición das tripulacións dos barcos, son datos que non se manexan hoxe en día” di Mercedes Rodríguez. No en tanto, a lei española e galega sobre o traballo no mar é unha lexislación sobre a que algúns especialistas na materia, consideran que habería que realizar unha reforma.

A rendibilidade da pesca dependerá sobre todo dos carburantes, do combustible para barcos, dependente tamén dos prezos no mercado de petróleo. Este é outro factor detrás das frotas ou barcos galegos en augas estranxeiras que logo conxelan en envían por contentores. O caso é que pescar espada é rendible a día de hoxe. Obviamente se o mercado satura os prezos baixarán, pero o ritmo de consumo dentro da UE e a exportación a outros países fóra da mesma, fan que a captura do peixe espada sexa un bo negocio. Os prezos poden ir desde os 16€ aos 2€, dependendo claro está, das circunstancias da venda. Pero un prezo medio actual é de case 9€ quilogramo. Os últimos datos da lonxa de Vigo daban uns resultados nas vendas de espada de case tres millóns de euros.

Polo de agora, e con un pouco menos de trinta anos de tradición na nosa frota, o espada é o resultado da reconversión ou reciclaxe de antigos conxeladores, que co paso do tempo, deron saída a unha frota que se está modernizando e internacionalizando, co positivo e negativo que isto trae. Ingresos para as empresas, pero poucos mariñeiros galegos nas tripulacións e condicións laborais moi mellorables para os tripulantes doutras nacionalidades. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta