Temas: HEPATITE C

Piden "verdade, xustiza e reparación" para os nove mortos por Hepatite C

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C reclama "xustiza" no día mundial contra a enfermidade

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/07/2018 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

Na conmemoración do Día Mundial contra a Hepatite, a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C reclamou "xustiza" polo falecemento de nove pacientes que considera "mortes evitables", xa que os tachan de "homicidio" e esperan que "así se catalogue" xudicialmente.

Esta, xunto coa petición de "equidade" á hora de acceder aos fármacos para a "poboación recluída", son dúas das grandes reivindicacións ás que o portavoz da plataforma, Quique Costas, fixo referencia nun acto conmemorativo celebrado este sábado na Praza do Obradoiro de Santiago.

O portavoz explicou que o obxectivo deste día é pór en valor a importancia do "incremento de diagnósticos e tratamentos" para conseguir eliminar a enfermidade en 2030, un reto marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ao que se sumaron 159 países, entre eles España.

1,5 AFECTADOS

Os datos do Ministerio de Sanidade contemplan que o 1,5 por cento da poboación española porta o virus da hepatite C, aínda que nunca chegue a desenvolverse como enfermidade crónica, e que entre o 40 e o 60 por cento dos casos non están diagnosticados.

Neste sentido, a presidenta da organización, Elena Rivas, destacou que a falta de diagnóstico é un "problema de saúde pública" e unha das principais denuncias da plataforma, que aposta por unha "mellora" en aplicación do plan sanitario establecido para esta enfermidade.

"VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN"

Ademais, Rivas sumou a esta reclamación a petición de "verdade, xustiza e reparación" para as vítimas por hepatites C que faleceron ao non recibir os "tratamentos que lles foron administrados" ou que "chegaron demasiado tarde", a pesar de ser prescritos.

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C denunciou once casos en Galicia que considerou "mortes evitables". Nove deles foron admitidos a procedemento xudicial e, finalmente, seis cualificáronse de "homicidio por imprudencia profesional grave" e os outros tres resolvéronse como "prevaricación administrativa".

INVESTIGACIÓN

O xulgado número 3 de Santiago de Compostela investiga a dous cargos do Sergas, Carolina González- Criado e Félix Rubial, no procedemento aberto pola subministración dos tratamentos aos enfermos afectados por Hepatis C por un suposto delito de homicidio en seis do oito casos que inclúe a causa.

A investigación aberta do Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago trata de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de pacientes con Hepatites C, necesaria para que puidesen recibir os tratamentos.

O xuíz decidiu investigalos por prevaricación, aínda que a Fiscalía atribuíalles tamén un suposto delito de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias", situación que estimou a Audiencia Provincial da Coruña.

TRATAMENTO PARA RECLUÍDOS

Outro dos problemas aos que fixo referencia Elena Rivas afecta os centros penais e á "falta de equidade" ante a que se atopan os reclusos para ter acceso aos tratamentos e fármacos que administra o Sergas. A presidenta sinalou que non existe "transparencia" respecto ao procedemento que se asume para administrar os medicamentos e que, consecuentemente, este "non chega a toda a poboación afectada".

Conmemoración do Día Mundial da Hepatite en Santiago
Conmemoración do Día Mundial da Hepatite en Santiago

Temas: HEPATITE C
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta