A mocidade de Ames poderá realizar prácticas formativas en países europeos

A Asociación Terras de Compostela GDR 19 ofrece aos mozos e mozas da contorna axudas para realizar prácticas non laborais en empresas públicas ou privadas de Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/07/2018 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A mocidade de Ames entre os 18 e os 30 anos dispoñerá de axudas para realizar prácticas en Europa, xa que a Asociación Terras de Compostela GDR 19 (onde está integrado o Concello de Ames) figura como beneficiaria do Programa Mobilidade Trasnacional Xuvenil Galeuropa 2018. O programa conta con 9 mobilidades aprobadas, 4 para Italia e 5 para Irlanda, cunha duración de dous meses e medio dentro do período comprendido entre o 15 de setembro e o 30 de novembro.

Catiza recibindo formación cunha cámara de televisión
Catiza recibindo formación cunha cámara de televisión | Fonte: Afundacion

O Programa Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa 2018 pretende incrementar as posibilidades de inserción laboral para a mocidade, complementar a súa competencia profesional e persoal, adquirir competencias en idiomas estranxeiros e reducir os obstáculos lingüísticos, ademais de fomentar a autonomía persoal. Para participar do mesmo, os interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos á data de presentación da solicitude, estar inscritos/as e figurar como beneficiarios/as no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e non ter sido beneficiarios/as en convocatorias anteriores do programa Galeuropa.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 10 de agosto. Realizaranse mediante ficha de inscrición nesta páxina web ou solicitándoa a través do correo electrónico da mesma. A través destas dúas canles pódese obter toda a información en relación aos requisitos de acceso ás axudas ou á inscrición. Tamén se pode consultar calquera dúbida na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames e a través do teléfono 617129702. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta