Os problemas e retos de Caballero, Corina e Domínguez

Galicia Confidencial analiza as candidaturas que se presentan en Vigo para as vindeiras municipais e fai un balance dos candidatos, dos problemas internos e dos as claves que se tocarán durante esta campaña. Tamén se analiza o papel dos medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/04/2011 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

Os tres partidos con representación no concello de Vigo fixeron xa a presentación das súas candidaturas repetindo cabeza de lista: Abel Caballero (actual alcalde polo PSOE), Santi Domínguez (actual tenente alcalde polo BNG) e Corina Porro (actual presidenta do Porto de Vigo e exalcaldesa polo PP). En cadansúa elaboración houbo certas polémicas.

None

PSOE

A lista que presenta o PSOE vigués conseguiu xuntar a xente destacada da cidade como os antigos secretarios comarcais de UXT e CCOO (Santos Héctor Rodríguez e Manel Fernández) ou á portavoz do PSOE no senado, Carmela Silva. Porén o alcalde, cunha fonda marca personalista, foi criticado tanto por unha corrente crítica liderada polo economista e sobriño do mesmo, Gonzalo Caballero, así como polo exalcalde Carlos Príncipe. Este, nunha loita en solitario, pretendeu impugnar a aprobación da lista recorrendo á dirección nacional en Compostela e á estatal en Madrid sen éxito ningún malia o eco dos órganos periodísticos da dereita. Actualmente o PSOE conta con nove concelleiros.

BNG

Os socios de goberno non se libraron de broncas internas. O proceso dentro do BNG, non só en Vigo, estivo moi polarizado entre os candidatos da UPG e os de +Galiza. Santi Domínguez (+Galiza) enfrontouse a Xabier Alonso (UPG) . Pero, a diferenza doutras localidades, puideron chegar a un acordo e houbo unha mestura. A lista seguirá encabezada por Santi Domínguez e de segunda irá Iolanda Veloso (próxima á UPG). Xabier Alonso (histórico da UPG) ocupará a terceira praza e María Méndez (+Galiza), actual portavoz do BNG no concello, pasou á cuarta posición. A decisión resultou polémica posto que María Méndez non era, a prior, discutible no segundo lugar da lista pero a presión da UPG e as negociacións levaron a Santi Domínguez a ceder. De quinto, Xesús L. Carreira ( +Galiza). Actualmente conta con cinco concelleiros. 

PP

Corina Porro gobernou a cidade durante dous anos (logo da ruptura do goberno de Ventura Pérez Mariño). Nas anteriores eleccións rozou a maioría absoluta logrando trece concelleiros e un ascenso dun 11%. Pero foi insuficiente. Así, Corina Porro pasaría un ano na oposición municipal para de inmediato asumir o cargo de Presidenta do Porto de Vigo. Unha vez máis o Porto de Vigo foi empregado como institución de poder paralelo ao municipal. Se xa o fixera anteriormente Abel Caballero, agora fíxoo Corina Porro. Os enfrontamentos entre os dous candidatos foron continuados e, nalgúns casos, con actitudes ridículas (conflito da ETEA ou das obras no Porto de Vigo).

Porén no PP tamén saltaron voces críticas. O desembarco de María José Bravo non sentou de todo ben nalgúns sectores locais. Esta profesora universitaria ourensá foi concelleira do PP en Ourense (1995-1998) e directora xeral da Xunta nos gobernos de Fraga (1999-2005). Posteriormente enfrontaríase a Baltar no congreso provincial de Ourense, quen anteriormente a promocionara para os postos da Xunta, e perdería. Trala derrota integrouse na lista de Jaime Cabeza para reitor da Universidade de Vigo (2010), que tamén saíu derrotada. Foi entón cando Corina Porro a ficha e a coloca de terceira na lista viguesa..

As voces críticas arremeteron polo oportunismo da comentarista política e polo seu profundo descoñecemento da cidade de Vigo. Outras voces apoiárona por ser unha das defensoras públicas das teses de Galicia Bilingüe, teses antigalegas que Corina Porro promocionou constantemente dentro do PP de Galicia. Peor sentou entre os afiliados locais que, con estas críticas e o currículo nulo na política viguesa, foise designada portavoz local do PP

A candidata será Corina Porro, seguida do eterno segundo do PP vigués, Chema Figueroa e de terceira María José Bravo. Actualmente conta con trece concelleiros.

Outras candidaturas

Nas anteriores municipais frustrárase a última hora unha candidatura unitaria da esquerda viguesa: CIES (Candidatura Integradora da Esquerda Social), integrada por Esquerda Unida (EU), Frente Popular Galega (FPG), Esquerda Republicana de Galicia e Partido Comunista do Pobo Galego. Este ano tampouco haberá unidade.

Logo de conversas entre as diferentes correntes arredistas non se conseguiu un acordo. Tampouco entre FPG e EU malia coincidiren nalgúns actos previos, como os que pedían unha folga xeral en maio de 2010.

A lista de Esquerda Unida (que non chegou en 2007 ao 2% dos votos) lidéraa o secretario de organización do PCG e delegado sindical de CCOO, Rubén Pérez. De segunda irá Eva Solla, secretaria de organización comarcal de EU.

A coalición Vigo de Esquerdas (Nós-UP e Unidade da Esquerda Galega cun 0,21% dos votos),  que encabezara Lois Pérez Leira , pesentarase pero, agora, como Nova Esquerda Socialista, que conta co apoio do exsecretario comarcal da CIG, Xerardo Abraldes, ou do exsecretario xeral de Esquerda Republicana de Galicia, Xosé Manuel Graña.

Pola súa parte, a FPG (aínda á espera de que se presente oficialmente e que contou co apoio do 0,36% dos votos) repetirá candidato con Ramón Lareu, responsable comarcal, acompañado no segundo posto por Oriana Méndez.

Temas claves

Durante esta campaña municipal unha das armas que o PSOE empregará contra o resto será o seu apoio a Caixanova. Durante todo a revolta da fusión, o alcalde de Vigo sempre defendeu a continuidade en solitario da entidade local fronte a PP e BNG que defendían a integración. Con evidentes doses de localismo, Abel Caballero chegaría a encabezar unha manifestación contra a unión de Caixanova e Caixa Galicia.

Tamén será punto da axenda as obras do Plan E que remodelaron boa parte das rúas e parques así no centro como na periferia. Dentro deste tema, o BNG defenderá a súa actuación no Casco Vello e a súa política deportiva e cultural (caso da recuperación do Castro de Vigo). Tampouco o PP perderá a oportunidade para amosar as obras realizadas nas áreas do Porto de Vigo coas que tratará de contrarrestar aos adversarios.

A política localista que empregou Abel Caballero en casos como o auditorio, a ETEA ou a depuradora do Lagares é fortemente contestada polos seus adversarios que solicitan unha política máis colectiva e fóra de “viguismos”. Unha tarefa difícil nunha cidade coma Vigo.

A prensa

Co eco do anuncio de peche de TeleVigo, canle local onde o alcalde tiña un programa propio (Diálogos con el alcalde), a prensa local seguirá situando a dirección do voto dos indecisos.

Se durante un tempo Faro de Vigo tomara posicións co PP de Corina Porro, desta vez apoiará a Abel Caballero pola defensa de Vigo en temas como o citado Caixanova, ETEA ou depuradora así como as obras do auditorio ou o aeroporto de Peinador.

Pero quen ten un amigo vai atopar noutro lugar un inimigo. Tanto La Voz de Galicia (xornal cunha baixada de vendas na cidade salientable) como Atlántico Diario continúan a súa loita particular para desacreditar o traballo do goberno municipal e do PSOE vigués en particular. Actuarán como promotores da candidatura de Corina Porro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 galegosencomplexos

Se a UPG ten maioria no BNG será porque a maioria da xente (polo menos a que fica) a apoia. Deixar de demonizar a UPG (eu sei que non son santiños), mas muitos dos que se foron do BNG non dou un centimo de euro por eles...

2 Xoelho

Porca miseria. Toda a prensa é de dereitas, o PP é o partido que recibe máis votos dos intelixentísimos e cultísimos cidadáns e a esquerda e o nacionalismo galego dan pena. Un BNG que nomea candidato a alcalde de Vigo alguén como Santi Domínguez Olveira desacredítase a si mesmo; o PSOE está no seu papel de esquerda oficial (descafeinada e totalmente integrada do sistema bipartidista, aínda que non a nivel municipal); e o resto da esquerda, minorizada e marxinalizada polos seus propios erros e pola idiotez da xente que en cambio é tan xenerosa cos fachas pepeiros, herdeiros do franquismo e interesados en acabaren co galego, deturpándoo intencionadamente sen que os nacionalistas cumpran co seu deber de plantarlles cara nisto.

1 Xoelho

O "Santi" é ese que fala galego (se se lle pode chamar así...) con impecable acento castizo de Lavapiés.

1 Sanpaio

Hai alguns erros na informacion de GC. polo que respecta ao BNG en Vigo, non e certo de que se liaran a broncas internas, o resultado foi a loxica discrepanza en duas formas de practicar o nacionalismo, pero en todo, o proceso foi inmaculado nas formas e no fondo, tanto é asi, que acadaou o apoio de mas do 95% da asamblea local.Tamen salvo que estea trabucado nin Iolanda Veloso nin Xesus Carreira son militantes da Union do Povo Galego, o que si estou totalmente de acordo e o maltrato que os dous "panfletos" - no seu senso mais peiorativo - dan as alternativas e realizacions do BNG na cidade olivica.Por todo eso e por moito mais a militancia viguesa estamos moi ilusionados en mellorar os nosos resultados, esperemos que asi sexa.

1 Navia

Si, Iolanda Veloso e Xesús Carreira son da UPG. E se non houbo broncas, canto menos si longas tensiósn. Non resultaría facil ceder o posto de María que de 2 pasa a 4 e co BNG só 5 concelleiros actualmente.

2 Xan

Xesus López é de +Galiza e Iolanda Veloso, aínda que próxima, non é militante da UPG.

3 saña

Ou sexa que todo a mangoneo que se tran moitos de que a UPG, fixo as listas a sua medida polo menos en Vigo non é asi, xa que dos 5 primeiros so un e da UPG. A cada un o seu e non intoxiquedes que todo se chega a saber. saudos

4 haxapaz

Saña, tamén habería que dicir que Vigo é a única cidade onde a U non copa case todos os postos de saída... e desde logo que en lugares como A Coruña, Lugo, Ourense vai quedar fóra xente competente.