Aprobado o convenio de limpeza de franxas secundarias coa abstención de BNG e En Marea

O documento deberá ser aprobado agora polo Consello da Xunta, que facilitará recursos aos concellos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2018 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou este martes o último borrador do convenio para a limpeza das franxas secundarias --terreo que se debe manter libre de masa vexetal ao redor de casas e outras edificacións para evitar incendios forestais-- proposto pola Consellería do Medio Rural, en sesión extraordinaria da súa comisión executiva, coas abstencións do BNG e En Marea.

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com

Así o informou a propia Fegamp nun comunicado co que deu conta do desenvolvemento desta comisión, despois de que o presidente da federación, Alfredo García, destacou "a importancia de que a consellería poña diñeiro para colaborar na roza de franxas", coa achega de 28,5 millóns de euros para catro anos.

Deste xeito, interpretou que "se reforza tamén a posición de que os concellos non teñen capacidade real para executar esta competencia". Ademais, outro aspecto que apuntou é o "compromiso acadado de que unha vez posto en práctica o convenio analizarase a información obtida sobre o desenvolvemento do mesmo".

Neste sentido, García explicou que "ambas as partes, concellos e Xunta, comprométense a revisar a lexislación actual e modificala no caso de ser necesario no que respecta ás competencias en roza de franxas secundarias". O convenio deberá ser aprobado agora polo Consello e despois a incorporación será voluntaria por parte dos consistorios.

Así mesmo, o presidente asegurou que a Fegamp é "consciente" de que "a sinatura deste convenio é un paso cara a adiante", pero tamén de que "con el non se obterán ao 100% os resultados pretendidos", a non ser que "se xere unha importante implicación dos propietarios das leiras abandonadas, cumprindo así a súa obrigación e aumentando significativamente o número de parcelas rozadas por propietarios".

"NON ACABARÁ COS INCENDIOS"

Así, insistiu "unha vez máis" en que este convenio, "aínda que si mellorará a protección de vivendas en contornas rurais, non acabará cos incendios", xa que "a única solución pasará pola ordenación e pola posta en valor do territorio".

Por tanto, o presidente da Fegamp indicou que, após o debate do convenio na reunión extraordinaria deste martes, os concellos "comprometéronse a traballar en calquera plan que mellore a ordenación e a posta en valor do territorio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta