Comeza o concurso Innovatia 8.3 para iniciativas empresariais lideradas por mulleres

A USC e o Instituto da Muller convocan a primeira edición deste concurso, que pretende fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico e crear un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero. O prazo de presentación das propostas remata o 10 de setembro.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 01/08/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A primeira edición do Concurso Innovatia 8.3 premiará as mellores iniciativas empresariais creadas co apoio das universidades e lideradas por mulleres. Esta e unha iniciativa convocada pola USC e o Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades á que poderán concorrer aquelas iniciativas empresariais ou empresas con presenza maioritaria de mulleres nos seus consellos de Dirección ou de Administración e que teñan contado co apoio de universidades españolas. O prazo de presentación de propostas estenderase ata o próximo 10 de setembro.

Mulleres xornalistas
Mulleres xornalistas | Fonte: periodismociudadano.com.

O Concurso, cofinanciado polo Fondo Social Europeo pretende fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, ademais da creación dun modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica na contorna universitaria. Innovatia 8.3 constitúese como unha ferramenta para as universidades españolas que fomenta a creación deste tipo empresas lideradas por mulleres, dando valor ao coñecemento universitario e visibilizando as universitarias.

DÚAS MODALIDADES

A convocatoria contempla dúas modalidades: a de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, dotada de 10.000 euros de premio en metálico e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector; e a de iniciativa empresarial Startup, premiada con 7.000 euros e asesoramento personalizado durante tres meses por unha profesional referente no sector.

A valoración das iniciativas empresariais presentadas nas dúas categorías corresponderá a un comité composto por persoal experto e independente. Integrarano cinco persoas: dúas procedentes de sociedades de capital risco que xestionen fondos específicos para transferencia de tecnoloxía; outras dúas procedentes de redes OTRI que formen parte do grupo de traballo de Spin-off especializadas en facilitar os procesos de creación destas sociedades nas universidades; e unha persoa en representación de asociacións empresariais ou directivas a nivel nacional.

O comité avaliará a viabilidade económica e financeira dos proxectos; así como o grao de innovación do produto, proceso ou servizo;  o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor; e ter en consideración políticas de igualdade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta