Profesores temporais denuncian ante a Xunta a "inxustiza" e "opacidade" das oposicións en educación

A Consellería reivindica a súa "transparencia" e asegura e que os tribunais tiveron "autonomía" para decidir "quen pasaba o filtro"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Unha decena de profesores temporais foron convocados este mércores pola Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG) para presentar diversas queixas ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas que denuncian que o proceso de oferta pública de emprego (OPE) deste ano foi "arbitrario, inxusto e opaco".

Profesores presentan queixas ante a Xunta contra as oposicións
Profesores presentan queixas ante a Xunta contra as oposicións | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios, o portavoz do colectivo, Alfonso Álvarez, explicou que os docentes entregaron á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos un escrito a título individual e outro por parte do sindicato. O acto contou tamén coa presenza da profesora e deputada de En Marea Julia Torregrosa.

Neste sentido, Álvarez lembrou que a USDG xa presentara un recurso administrativo contra a orde da OPE publicada pola Xunta, ante o cal, aseguran, houbo "silencio administrativo" por parte do Goberno galego. Así mesmo, este colectivo denuncia que nas probas houbo un "elevadísimo número de suspensos" na primeira fase da oposición, algo que, segundo as súas reivindicacións, en Galicia "ocorre desde hai anos" pero agora "empeza a concienciarse" o resto de autonomías.

Como consecuencia diso, a cifra de aprobados na fase de concurso --na que se ten en conta os méritos profesionais-- tamén foi "ridículo", polo que, en palabras de Alfonso Álvarez, o concurso "non existe practicamente". "Soamente o 13 por cento chegou a esta fase, e se facemos unha comparación coa OPE de 2015 de Sanidade, para enfermeiros e médicos de atención primaria, esta cifra é ao redor do 50 por cento" no concurso, asegurou.

"CRITERIOS DE CORRECCIÓN OPACOS"

En relación coa celebración das probas o pasado xuño, a USDG asegura que "recibiu moitas queixas" do acontecido. Así, censuran a "falta de posibilidade de revisar o exame" por parte dos aspirantes, así como uns "criterios de corrección opacos" ou un "excesivo número de aspirantes por tribunal". "Todo isto fai que o sistema sexa arbitrario, xusto e opaco", esgrimiu Álvarez.

A continuación, o portavoz rexeitou os resultados, "xa non só polas notas, senón porque primeiro saen os aprobados e logo a nota do resto". Ademais, engade, as probas realízanse en datas "totalmente inapropiadas" que fan que algúns profesores que concorren e están a traballar "non poidan sacar unha nota excelente" por estes motivos.

De igual modo, a USDG tamén demanda "un sistema de concurso por méritos para os traballadores que se atopan en fraude de lei", é dicir, para os que levan "máis de tres anos traballando para a Administración autonómica sen dereito a estabilidade", así como novas prazas para repor xubilacións.

"Por último, solicitamos que se poña fin á tendencia de recortes en educación e á supresión de unidades educativas que se están a dar en varios centros", concluíu Álvarez.

CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

Esta mesma mañá, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, descartou, en declaracións aos medios, que a OPE se realizase sen transparencia: "A convocatoria de prazas faise sempre en base a uns requisitos e a uns criterios moi taxados".

"Non hai ningún tipo de arbitrariedade no que respecta ao número de prazas ofertadas, que foi a oferta máis grande dos últimos anos e case da historia, con 2.050", manifestou. En canto á cifra de suspensos, o conselleiro alegou que iso se basea en "criterios duns 130 tribunais", que foron, segundo as súas palabras, "absolutamente soberanos e dignos para dicir quen podía pasar o filtro e quen non". "En ningún momento houbo ningún tipo de directriz política", afirmou.

Preguntado sobre o 16 por cento de prazas sen cubrir --dun total de 16.000 aspirantes--, Román Rodríguez insistiu na "soberanía" dos tribunais para decidir "se o número de opositores pasa a nota de corte ou non".

"É un proceso que levou a cabo con total transparencia, con total autonomía por parte dos tribunais, e sempre en base a criterios absolutamente obxectivos no que respecta ao número de prazas convocadas, baseados, primeiro, no número de xubilacións que se cobren e, segundo, en base a acordos asinados cos sindicatos para reducir a taxa de interinidade", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta