Medio Rural pon en marcha unha unidade para xestionar as pragas forestais

A Deputación de Pontevedra e Medio Rural contan coa autorización da Xunta para crear unha unidade de investigación co gallo de velar pola sanidade vexetal e pola protección dos montes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/08/2018 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

A unidade de investigación, impulsada por Medio Rural e a Deputación Provincial de Pontevedra, céntrase no seguimento e control da avespiña e do cancro do castiñeiro, así como na análise de mostras do defoliador do eucalipto. Este convenio terá unha duración de catro anos e un orzamento total que ha superar o mullón de euros. 

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro | Fonte: USC.

Así pois, o Consello da Xunta autorizou este xoves a Consellería do Medio Rural a asinar este novo convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra co obxecto de crear unha unidade denominada “xestión de pragas e enfermidades forestais” durante os anos 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022. Segundo a Administración, "a sanidade vexetal é unha prioridade" para eles, e polo tanto, "é preciso dedicarlle todos os medios dispoñibles para seguir traballando na identificación dos axentes patóxenos que causan enfermidades nos vexetais e especies forestais, co fin de proceder á súa determinación e clasificación". 

SEGUIMENTO DE PRAGAS

A creación desta unidade mixta de investigación, que estará dotada de persoal e medios da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, terá como finalidade o seguimento dunha serie de pragas que afectan principalmente ás especies forestais dos castiñeiros e eucaliptos. E desta maneira, pretende velar pola protección dos montes promovendo unhas medidas de prevención e tratamentos necesarios.

En concreto, as principais liñas que vai desenvolver esta unidade mixta centraranse na realización dos controis pertinentes para a boa execución da loita biolóxica fronte a avespiña do castiñeiro e a preparación, seguimento e control da eficacia dos inóculos empregados para o control das cepas virulentas do cancro do castiñeiro. Tamén servirá para avaliar o estado do control biolóxico do defoliador do eucalipto mediante a análise de mostras e os controis de calidade do material de solta.

A Xunta recorda que estes tres axentes bióticos ocasionan "importantes perdas económicas aos propietarios forestais de Galicia", polo que a posta en marcha deste convenio contribuirá a "aumentar a rendibilidade" dos montes de Galicia que, na súa inmensa maioría, son de propiedade privada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta