Actuemos!

Hai xa uns meses que a polémica e a malparada Marta, que participou como concursante no programa nacional chamado Gran Hermano, pronunciaba as súas escabrosas opinións sobre o idioma da Galiza, o galego.

Por Mar Lopes | Santiago | 20/04/2011

Comparte esta noticia

Neste artigo non é do meu interese profundar nun suceso que provocou que corresen quizais demasiados ríos de tinta, bastantes enfrentamentos persoais  e abundante retranca galega para tentar comprender do dereito un episodio que, en xeral, sentiu moi mal á maior parte da sociedade galega. Pola contra, no presente artigo tratarei de ofrecer diferentes maneiras de se enfrentar a situacións deste tipo que causarían a máis dunha persoa un fundo malestar.

O motivo polo que decidín escribir esta miña visión foi a lectura dun texto que conseguiu encadearme, texto, por certo, elaborado por un compañeiro meu da coñecida rede social Facebook. De seguro, máis de un saberá a que escrito me estou a referir e que tentarei reflectir neste espazo.

En primeiro lugar, cabería subliñar que de nada serve devolver os insultos a toda esa xente que con anterioridade nos humillou por, simplemente, empregarmos o galego. Cos galegófobos non valen nin insultos, nin vitimismos, nin choros. O que debemos facer é mudarmos de actitude, quero dicir, actuar.

As accións non deben ser simples eventos ou comentarios de protesto. Con iso non solucionamos nin adiantamos nada, mais ben só serven para nos desafogar un pouquiño con elas. Debemos pasar a accións reais, nas pequenas cousas do día a día, durante todos e cada un dos días que conforman o ano.

Desterremos de nós a idea de que nunca existiu conflito lingüístico ningún na nosa terra; iso é definitivamente falso. Hai conflito lingüístico vilmente provocado por certos sectores da poboación. Por agora só as persoas que odian a lingua galega se dedicaron a crear problemas á xente que fala diariamente e con naturalidade o galego. Démoslle nós tamén da súa propia medicina! Unha sociedade en que un grupo social minoritario, ignorante e irrespectuoso impón os seus privilexios mentres que a maioría social se deixa humillar de maneira constante non é unha sociedade normal e igualitaria. Non existe convivencia pacífica entre o galego e o castelán, senón unha situación de desigualdade aceptada e asumida por ambas as partes do conflito.

Por favor, non creamos na existencia dun “bilingüísmo cordial” ou “bilingüísmo harmónico” tan defendido polo actual goberno da Xunta de Galicia. Ese “bilingüísmo cordial” en que ningún castelánfalante ten a necesidade, nin sequera por cortesía, de se dirixir a un galegofalante en galego, mais mesmo esixe que sexa o galegofalante que mude para o castelán nas súas relacións con el. Esa é unha actitude supremacista. Por moito que insistan desde os discursos do poder, non existe normalidade neste tipo de contactos. Os galegofalantes non teñen por que se adaptar ao castelán como levan facendo toda a historia. Os galegofalantes falan a lingua propia da Galiza. Xa vai sendo hora que sexan os castelánfalantes os que usen tamén o galego para con nós.

Todos coñecemos o que acontece nas relacións comerciais en que os galegofalantes son os clientes e a empregada/o os chega a tratar, en moitas ocasións, como clientes de segunda. A cantos de nós cando pedimos un café con leite nunha terraciña non nos teñen corrixido -<<un café con leche?>>, como se non percibisen o que dicimos. Por que nos traducen? Pois non! “Eu dixen “un café con leite” e senón déixao estar que vou ao bar do lado!”.
Quero dicir con isto que esixamos os nosos dereitos como consumidores que podemos ser. Se nos tratan mal, sempre temos a posibilidade de pedir unha folla de reclamación ou de consumir noutro lugar en que sexamos benvidos.

Todos os funcionarios públicos da Galiza, teñen a obriga, por lei, de atender os galegofalantes no seu idioma. Son funcionarios públicos non só os mestres e profesores mais tamén os traballadores das oficinas dependentes da Xunta de Galicia, moitos médicos, os policías municipais ou autonómicos, etc....Que se dirixan aos galegofalantes en galego é un dereito que concede a propia lexislación española. Esixamos, por tanto, ese dereito! Se a persoa que nos atende non cumpre coa súa obrigación, sempre se pode pór unha reclamación e mesmo unha denuncia. Hai outros moitos galegos desempregados capacitados para realizar correctamente ese traballo.

A xente con prexuízos lingüísticos para o galego  tende a comportarse dun xeito bastante ridículo. Poñámoslles un espello para que vexan como son realmente. Sexamos retranqueiros e irónicos. Exemplo:  Nunha aula grande e ateigada de rapaces de 16 a 18 anos celebrábase unha conferencia para divulgar os recursos dos que dispoñen a xente nova para o acceso ao traballo ou a unha vivenda. Hai tres poñentes e comeza a falar a primeira:

- A veeer... los de atrás, miráis bien la pantalla?...Sí?...Bien. Comenzamos? Bien,... si ahora estuviérais a mi lado sentiríais como me peta el corazón. Me hace bum-bum, bum-bum. Estoy nerviosa. Eso mismo os pasará cuando os encontréis en una entrevista de trabajo...- Fai unha pequena pausa e continúa- Hola me llamo Magdalena y,...

Un dos seus compañeiros chámaa e fala con ela polo baixo- Ah, si.... Me dicen que aquí la mayoría habláis en gallego. Entón vouvos falar en galego.... aínda que xa vos aviso,... que o meu galego é o galego de Moaña. Como vos dicía, o meu nome é Magdalena...

Contestando desde unha das primeiras filas, un rapaz, coa voz ben clara: - E logo,..., de onde cres que é o teu castelán?

Todos os días se produce este  patético milagre en millares de mentes que sendo, por exemplo, de Moaña, Tabeirós ou da Mariña, pensan que falan un castelán de Valladolid, cando realmente o que empregan é o característico castelán da Galiza, con altas doses de acento galego e con estruturas e vocabulario procedentes desta lingua. Un auténtico “castrapo” como eles mesmos se atreven a chamar o galego.

Estas tan só son algunhas ideas de acción para nos defendermos  daquelas persoas que nos rodean diariamente e que posúen certos prexuízos contra o galego, ou para nos defendermos daqueles outros individuos que realmente presentan unha galegofobia extrema chegando, mesmo, a facer orgullo dela sen vergoña ningunha. De seguro que vós mesmos poderedes achegar e pór en práctica outras moitas ideas. O que non pode ser é continuarmos totalmente pasivos perante os ataques deste sector poboacional"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
María do Mar Lopes González Diplomada en Maxisterio, especialidade en inglés. Actualmente estuda Lingua e Literatura Galegas na USC. É Presidenta da “Asociación Cultural Garipano”, colectivo que traballa na defensa da identidade, da lingua e da cultura galegas realizando campañas para a concienciación da sociedade. Participa en diferentes colectivos, plataformas e iniciativas: “Queremos Galego”, “A Mesa pola Normalización Lingüística”, “Galiza co Galego”.