Unha «Corrente cultural» inunda de exposicións a xeografía galega

A través deste proxecto, ABANCA e Afundación realizan actividades culturais fóra das súas sedes e salas de exposicións sobre as tradicións e a historia de Galicia. Estas son as iniciativas que teñen previstas para os próximos meses.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2018 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

"Corrente cultural" é un proxecto que puxo en marcha ABANCA e Afundación, en colaboración con concellos de toda Galicia, e que se desenvolveu ata o de agora en 10 municipios. Neste vindeiro outono continuará a súa andaina co obxectivo de trasladar propostas culturais fóra dos seus espazos para presentarllas a habitantes doutras poboacións. Esta aposta das dúas entidades para difundir cultura por toda Galicia constrúe unha rede de calidade que leva novas propostas máis aló dos edificios de ABANCA e Afundación.

Fotografía de Ruth Matilda Anderson
Fotografía de Ruth Matilda Anderson

Durante 2018 máis de 8000 visitantes gozaron xa das exposicións que conforman este ciclo nas localidades de Xinzo de Limia, Tui, Ribadavia, A Estrada, Ordes, Narón, Nigrán, Baiona, Foz e Sanxenxo. Todas as mostras parten dunha produción de nivel, cun interese específico para o lugar e unha estreita vinculación coas tradicións e historia de Galicia, con temáticas que xiran en torno aos oficios tradicionais ou a propia idiosincrasia galega.

AS EXPOSICIÓNS

"Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia" foi a primeira mostra en levarse a cabo durante este ano dentro do proxecto "Corrente cultural". Desenvólvese en colaboración con The Hispanic Society of America, entidade que posúe a maior colección de arte hispana fóra de España, con máis de 18.000 pezas. As setenta imaxes seleccionadas para esta exposición pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington.

Xinzo de Limia foi a primeira localidade en acoller esta exposición durante os pasados meses de decembro e xaneiro, e tamén pasou por Narón no mes de xuño e por Baiona en xullo.
Sanxenxo é agora a súa anfitrioa e alí poderase visitar ata o 2 de setembro na Sede Náutica de Afundación (Porto deportivo Juan Carlos I, 26) de luns a domingo en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 h. Do mesmo xeito que fixo a súa autora nos anos 20 do pasado século, as fotografías continuarán o seu periplo pola xeografía galega visitando Culleredo en outubro, O Barco de Valdeorras en novembro e Arteixo no mes de decembro.

En Nigrán xa puideron gozar da exposición «Oficios entre lusco e fusco», obra de Xosé Abad e coproducida polo Museo do Pobo Galego, que introduce ao espectador no mundo dalgúns dos oficios tradicionais galegos que agora se atopan a piques de desaparecer. Modos de vida que chegan ao seu ocaso froito da mecanización dos traballos como o de pastor, cesteira ou fareiro. Actualmente pódese visitar na Sala Nauta de Sanxenxo, onde permanecerá exposta ata o próximo 18 de agosto de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h.

O último proxecto expositivo incluído en «Corrente cultural» é «Auga. O sangue da terra» no que o fotógrafo Manuel Valcárcel realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor aparecen nesta mostra que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Durante este ano expúxose en Tui, Ribadavia, A Estrada, Ordes e Foz, e chegará ás localidades de Fisterra no mes de setembro, Sarria en outubro e A Guarda en decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta