Temas: SIL

O río Sil, ameazado por falta de caudal e perigo de supervivencia da súa flora e fauna

A asociación ambiental Amigos da Terra asegura que descendeu o seu nivel de auga e recorda que nesta zona son moi abundantes as obras hidráulicas, que "orixinan de por si unha regulación artificial de caudais que afecta profundamente á fauna píscicola e flora de ribeira".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2018 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O río Sil baixa estes días, e por motivo das obras de construción que se estan levando a cabo no encoro de San Pedro, falto de caudal. Así o denuncia a asociación ecoloxista Amigos da Terra, que advirte que este descenso do nivel da auga complica a pervivencia da súa flora e fauna. Estes feitos, que chegaron a oídos da asociación por medio dun particular, que tamén remitiu fotografías, puxéronse en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que investiguen as causas e se cumpra co caudal ecolóxico.

O río Sil
O río Sil

Á altura do encoro de San Pedro, nos Canóns do Sil e tamén onde se están facendo obras de aproveitamento hidroeléctrico por "empresas privadas ás espensas das cuestionables autorizacións administrativas" - recorda a asociación -, baixa un pequeno caudal de augas grises que fan perigar dun modo alarmante a flora de ribeira e as especies faunísticas.

Segundo Amigos da Terra, as obras hidráulicas son moi abundantes nesta zona dos Canóns do Sil e estas "orixinan de por si unha regulación artificial de caudais que afecta profundamente á fauna píscicola e flora de ribeira", critica a asociación. Así pois, a xestión dos recursos biolóxicos e hidrolóxicos deben enfrontarse con frecuencia á problemática que estas obras orixinan, e en concreto, á cuantificación dos caudais circulantes mínimos capaces de manter os ecosistemas dos tramos de río regulados.

A FIXACIÓN DO CAUDAL ECOLÓXICO

A crecente demanda social dun medio ambiente máis limpo impuxo na planificación hidráulica a consideración de que nas canles reguladas circulen, polo menos, uns “caudais ecolóxicos” ou “caudais mínimos medioambientais”. Con todo, a asociación considera que as Confederacións Hidrográficas fixan o caudal ecolóxico en base a uns criterios meramente hidrolóxicos que nada teñen que ver coa conservación do contorno do Sil.

Ademais, a Lei de Augas obriga á Confederación a fixar o caudal ecolóxico en todos os ríos e reflectilo nos Plans Hidrolóxicos, mais "iso non sempre acontece", comenta Amigos da Terra, que recorda que "a auga é un recurso cada vez máis escaso que debe xestionarse estritamente para a súa conservación, non só como recurso en si, senon como hábitat das diferentes especies".

Temas: SIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta