Un agosto moi activo no concello da Rúa

Despois dun intenso programa de festas con actividades deportivas, musicais e infantís, colle esta semana protagonismo o teatro e xa de cara á fin de semana a V edición da Bacofesta.

Por X.M. Fernández | A Rúa | 07/08/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os veciños e visitantes do concello valdeorrés tiveron a oportunidade de gozar do deporte con actividades como o triangular de fútbol de veteranos, o XXI torneo de tenis, a V milla urbana ou o campionato de Golf Rústico; pero tamén aproveitaron unha chea de propostas musicais, dende unha concentración de pinchadiscos de todos os estilos ata bandas de música, charangas, grupos pop e orquestras. O día grande para os nenos foi este luns.

Ambiente festivo. Bacofesta 2017. Fonte: Concello A Rúa
Ambiente festivo. Bacofesta 2017. Fonte: Concello A Rúa

O relevo no programa de lecer da Rúa vén esta semana da man do teatro. O concello participa no “I Encontro de Teatro Internacional Paco González” que se desenvolve na Comarca de Valdeorras entre o 6 e o 1 de agosto. Tamén forman parte desta iniciativa diferentes escenarios do Barco, Vilamartín e Petín.

As xornadas levan o nome do clown valdeorrés Paco González, fundador da compañía “Familie Flöz” e mestre de Gabriel Prada, persoa que lle está dando pulo a este encontro. Esta primeira edición xorde así mesmo da colaboración co Festival Internacional de Teatro Susana Alexander (FITSA) de México. Este evento celebra a súa 27ª edición sendo un dos festivais de teatro amador máis importantes de toda Latinoamérica. A súa sede está en Puebla (México) e celébrase durante seis meses concentrando unhas 300 representacións por festival.

Esta primeira edición achegará, pois, o teatro á poboación destas vilas valdeorresas e combinará teatro de rúa con representacións en escenarios convencionais. No concello da Rúa haberá tres funcións: o luns 6 de agosto ás 20.00 h. “No quiero ir a un mundo raro” da compañía Xelajú (Puebla, México) na Praza do Concello, o martes 7 ás 21.00 h. no Centro Cultural Avenida “Tejiendo caminos” a cargo de Sildance (Chicago) e o mércores 8 de agosto tamén ás 21.00 h. pero de novo na Praza do Concello “Ok, Performance show” a cargo de Teatro Anubiz (Puebla, México).

Rematando a semana o protagonismo correrá a cargo da V Bacofesta, evento que recrea a época romana para crear un escaparate festivo de exaltación aos viños de valdeorras no que non faltará, ademais de casetas expositoras de adegas da Rúa, música festeira no recinto, concertos nocturnos, actividades recreativas para os máis pequenos e postos de alimentación e artesanía da zona. Será do 10 ao 12 de agosto e para este último día está previsto un gran xantar popular. Como cada ano potenciarase a participación con caracterización de época para os asistentes  

Recinto Bacofesta 2017. Fonte: Concello da Rúa
Recinto Bacofesta 2017. Fonte: Concello da Rúa

Encontro de teatro internacional Paco González.
Encontro de teatro internacional Paco González.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta