A Xunta ve irresponsable que o delegado do Goberno pida que Galicia "se endebede en 133 millóns máis"

O Goberno galego sostén que "máis déficit implica máis débeda", uns cartos que "terían que devolver os galegos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2018 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A Xunta lamenta a "irresponsabilidade" do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, por defender o sistema de financiamento proposto polo Executivo central para 2019 polo que "a Comunidade se endebedará en 133 millóns de euros máis". Nun comunicado, a Administración autonómica denunciou que esta medida "quere xustificar que o Goberno central quede con 200 millóns" de ingresos públicos "que tería que recibir Galicia" no próximo exercicio.

Feijóo e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, en rolda de prensa. Europa Press - Archivo
Feijóo e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, en rolda de prensa. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Neste contexto, o Executivo autonómico censura que Javier Losada "tenta comparar, interesadamente, débeda con ingresos lexítimos" e sostén que "máis déficit implica máis débeda e, por tanto, o diñeiro a maiores que se pedirán prestados teríano que devolver os galegos". Así mesmo, a Xunta alertou de que o delegado do Goberno "quere confundir", xa que, segundo asegura o órgano autonómico, os recursos de endebedamento "non poden ser empregados para gastos correntes de sanidade e educación. Ademais, o Goberno galego lembrou que o aumento do déficit foi rexeitado polo Congreso dos Deputados, tras ser apoiado soamente polo PNV e o PSOE.

RECLAMAR 200 MILLÓNS "QUE FALTAN"

Por todo iso, a Xunta reiterou que seguirá reclamando "con firmeza e con lealdade institucional" os 200 millóns de euros "que faltan" na estimación dos recursos para 2019 comunicados por Executivo central. O vindeiro xoves, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, entrevistarase coa ministra de Facenda, María Jesús Montero, para trasladarlle o seu "desacordo" coa previsión de ingresos e demandarlle "medidas oportunas para solucionar esta situación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta