En Marea sobre a morte no PAC da Estrada: "pode suceder moitas outras veces"

A deputada Eva Solla urxe á Xunta a sentar con sindicatos, colexios e asociacións profesionais para tratar o déficit de pediatras.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/08/2018 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea Eva Solla afirmou que o falecemento dunha persoa no punto de atención continuada (PAC) da Estrada (Pontevedra) sen que houbese ningún médico para atenderlle nese momento "é algo que se podía prever que podía ocorrer", conforme ás denuncias dos profesionais destes centros durante os últimos meses.

Eva Solla. Europa Press - Archivo
Eva Solla. Europa Press - Archivo

Ademais, aseverou que o que pasou agora na Estrada "pode suceder moitas outras veces" noutros centros, posto que a Xunta "non fixo nada" ante as reivindicacións dos traballadores. Unha das principais demandas deste colectivo, segundo lembrou en rolda de prensa, é "que se dote dun equipo completo de profesionais" ós PAC, fronte a decisións como "alongar a xornada" e "impedir" tomarse permisos e baixas, algo que cualificou de "insustentable", polo "queime persoal" que provoca.

Con todo, a parlamentaria da formación rupturista criticou que a Consellería de Sanidade, á que o seu grupo xunto a outros xa solicitou que dese explicacións na Cámara, "fai caso omiso". "Non vale agora botarse as mans á cabeza", advertiu.

PEDIATRAS

Por outra banda, a maiores, referiuse ao déficit de pediatras e ás propostas que achegou En Marea. "A Xunta non tomou ningunha medida ata xuño-xullo, coa reordenación de pediatras no verán, que é só un parche", lamentou.

Así, sobre unha situación "que vén de lonxe", recriminou as declaracións do presidente galego cando dixo, o pasado xoves, que o Sergas contrataría a calquera pediatra que queira traballar na comunidade. "Non é unha proposta seria", valorou, antes de atribuíla a unha "planificación nefasta" e engadir que é "unha vergoña".

"Feijóo e o conselleiro de Sanidade terían que estar ao pé do canón, porque este é un problema de primeira orde", incidiu, para urxir que a Xunta sente nunha mesa de negociación con sindicatos, colexios e asociacións de profesionais médicos para adoptar "medidas a curto, a medio e a longo prazo".

De feito, ao seu xuízo, é "imprescindible" planificar as prazas de residentes, pero "tamén" que haxa "contratos", co obxectivo de minorar a "precariedade, que segue sendo a norma" na sanidade pública galega.

Por todo iso, Solla insistiu en que a Xunta "ten que escoitar" aos profesionais, posto que "dá igual que sexa agosto" e "non é normal que se deixe sen atención a nenos e maiores". "Non podemos chegar a setembro sen que se tome ningunha decisión", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta