Denuncian a "tentativa de arrasar" o piñeiral da praia do Lago de Muxía

O Sindicato Labrego Galego alerta de que se pretende acabar con este espazo forestal ao abeiro da normativa que obriga a rozar e talar franxas de seguridade de 50 metros en torno a vivendas ou núcleos habitados.

Por Galicia Confidencial | Muxía | 09/08/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de denunciar o "incumprimento xeneralizado e o caos que se están a xerar na aplicación da normativa que obriga a rozar e talar franxas de seguridade de 50 metros en torno a vivendas ou núcleos habitados". No marco desta denuncia, o SLG da Costa da Morte quere chamar a atención sobre a ameaza de corta que se cerne sobre o piñeiral da praia do Lago, en Muxía.

Praia do Lago de Muxía
Praia do Lago de Muxía | Fonte: turismo.gal

O sindicato asegura que existe a "tentativa de arrasar o piñeiral", o cal "non representa ningún perigo de incendio" e está incluído no Espazo de Interese Paisaxístico Punta e Monte do Lago, polo que está protexido polo Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POLG) da propia Xunta.

"Dende o SLG non entendemos que se pretenda destruír este piñeiral de alto valor paisaxístico e económico, máis alá do obviamente forestal", censuran.

Así, recordan que o POLG di que “o aproveitamento turístico deste sistema, cunha accesibilidade relativamente boa dende as zonas máis interiores e dende núcleos como Muxía ou Camariñas, propiciou a aparición de dous cámpings, ambos situados entre a masa forestal, a media ladeira e en primeira liña de costa, un deles con acceso directo á praia”.

Aínda que "propietarios particulares, impelidos polos servizos forestais da Xunta", xa tentaron iniciar a corta, "esta adiouse grazas á intervención da afiliación do Sindicato Labrego Galego", din.

Porén, esa corta segue programada e, "se ninguén o impide, arrasarase un piñeiral protexido de grande valor e uso para a zona afectada ao amparo dunha normativa que se está a aplicar dun xeito totalmente irracional e caótico", denuncian.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta