Carmen Avendaño: "o fin do Clan dos Charlíns? Rotundamente, non"

A presidenta e coordinadora da fundación Érguete-Integración lamentou que, tras a detención de Manuel Charlín e un dos seus fillos, "pareza que para os grandes narcotraficantes a reinserción non exista".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2018 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A presidenta e coordinadora da fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño, unha das pioneiras na loita contra contra o tráfico de drogas en Galicia, lamentou que, tras a detención de Manuel Charlín e un dos seus fillos en relación ao comiso dun barco con cocaína, "pareza que para os grandes narcotraficantes a reinserción non exista".

Carmen Avendaño na Asociación Érguete
Carmen Avendaño na Asociación Érguete

Así o reflexionou unha das persoas que encarna a loita contra o tráfico de drogas en Galicia desde a década dos anos 80. En declaracións a Europa Press, Carmen Avendaño admitiu que a detención do patriarca do 'Clan dos Charlíns', de 85 anos, sorprendeulle, porque "parece difícil entender que unha persona como este señor siga nestes oficios cando se supón que xa debería ter máis que suficiente".

Tras felicitar ás forzas de seguridade do Estado polo operativo, lamentou que se volvan repetir os mesmos nomes, "algo que é fóra do normal", e que demostraría, na súa opinión, que o patriarca do clan "non ten escrúpulos". "É evidente, é el e parte da súa familia, ten á súa filla Josefa, que é a que levou a maior parte da organización, é un negocio arraigado neles e vexo difícil que o deixen aínda que teñen os medios suficientes para vivir toda a súa vida", agregou.

"É unha vergoña ver o dano que fan, cando empezan podía ser que non soubesen o dano que facían, pero co paso do tempo demostrouse a cantidade de xente que quedou polo camiño polo consumo de estupefacientes", censurou. Aínda que cre "evidente" que seguen "sendo os mesmos personaxes" en Galicia os que encabezan o negocio do narcotráfico, Carmen Avendaño sostén que as tramas están agora máis interrelacionadas coa zona andaluza.

En todo caso, considera que a súa actividade en Galicia, se se rebaixou puntualmente, foi grazas ao traballo "das forzas de seguridade, que seguen actuando e non abandonan" a loita contra o narcotráfico, nunha comunidade na que desde a década dos anos oitenta do pasado século se creou "un estado de opinión" que a converte nunha "das zonas máis concienciadas" do país.

Unha percepción social en Galicia que permite, engadiu, que na actualidade non se repitan imaxes de drogadicción das últimas décadas do século XX, grazas en parte a que "as familias están moi concienciadas, e os propios usuarios recorren moi pronto a pedir axuda para deixar as drogas, co cal o dramatismo daqueles anos é menor".

No entanto, puntualiza que, aínda que a situación "non vai ser tan dramática como foi nos anos oitenta e noventa, as políticas de prevención séguense tendo que facer para evitar que isto sexa unha pandemia".

"O FIN DO CLAN DOS CHARLINES? ROTUNDAMENTE, NON"

O operativo contra o narcotráfico, aínda en marcha, no que foron detidas 26 persoas, entre elas, Manuel Charlín e o seu fillo, non suporá, "rotundamente", o fin do histórico clan galego. Así polo menos o suxire Carmen Avendaño, que se mostra convencida de que "rotundamente non será o fin do clan". "Xa se ve que xeracionalmente teñen substitutos, desgraciadamente é unha forma de vida que asumiron moi ben, porque dá moito diñeiro, e unha vez que se meten é difícil deixalo".

Unha persistencia no narcotráfico que pivotaría, segundo Avendaño, en primeiro lugar, sobre o acceso ao diñeiro fácil e, en segundo, sobre as relacións establecidas cos produtores. Eu son gran defensora da reinserción pero para os grandes narcotraficantes, parece que a reinserción non existe, porque iso dá moito diñeiro, iso engánchaos para toda a vida", remarcou.

Fronte a isto, a presidenta e coordinadora da Fundación Érguete conclúe avogando por "seguir batallando contra o narcotráfico" pero tamén "seguir investigando os patrimonios, manter a presión policial e facer un traballo de prevención dos mozos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta