Así é Bacofesta, a recreación romana da festa do viño

O Concello da Rúa celebra do 10 ao 12 de agosto a V edición deste evento festivo que ofrece diferentes alternativas de lecer para todos os públicos ao tempo que serve de escaparate para as adegas no lugar. Luís Fernández, alcalde da localidade, cóntanos detalles.

Por X.M. Fernández | A Rúa | 09/08/2018 | Actualizada ás 23:20

Comparte esta noticia

Baco era coñecido como o Deus do viño, do éxtase e incluso do desenfreo, pero compre non tomar ao pé da letra esta definición se o que pretendemos e identificalo coa festa que ten lugar na Rúa esta fin de semana. Viño si, terá unha representación máis que destacada, e divertimento festivo tamén con diferentes opción musicais ao longo dos tres días pero nada que ver co desenfreo e o descontrol. Trátase dunha festa con opcións de lecer para toda a familia e concertos para todos os públicos nunha contorna incomparable como é a área recreativa do Aguillón.

Casetas das adegas. Fonte: Concello A Rúa
Casetas das adegas. Fonte: Concello A Rúa

Falamos co alcalde, Luís Fernández, para comentar detalles desta celebración.

Todo listo xa para a V edición da Bacofesta? A presentación oficial na romana Ponte da Cigarrosa, non si?

Todo encamiñado xa, no Aguillón están completando a montaxe do recinto festivo e mañá ás 20:00 h. será a presentación oficial na Ponte da Cigarrosa, ponte romana que formaba parte da Vía Nova que unía Braga con Astorga e que hoxe une o concello de Petín co da Rúa.

Esta presentación é un acto simbólico no que os alcaldes dos dous concellos se reúnen na ponte, caracterizados de romanos e coa respectiva comitiva, para despois ir camiñando pola beira do Sil ata o recinto na área recreativa do Aguillón.

Recinto festivo da Bacofesta. Fonte: Concello A Rúa
Recinto festivo da Bacofesta. Fonte: Concello A Rúa

Este ano o alcalde de Petín non está e xuntareime coa persoa que veña en representación e ademais tamén estará o alcalde do concello de Vilamartín, concello convidado este ano.

 A continuación é o pregón. Quen será o pregoeiro este ano?

Este ano pensamos que sendo Vilamartín o concello convidado, e tendo alí a un gran divulgador histórico e antropolóxico como Pepe Fernández, quen mellor que el para abrir a Bacofesta deste ano. Ao redor das 20.30 h. comezará a súa intervención no recinto festivo.

Pepe Fernández é un gran coñecedor da zona, descubridor entusiasta de vestixios históricos e coñecedor tamén do pasado romano destas terras.

Respecto da programación, que novidades destacarías?

Comentada xa a de concello convidado, que este ano é Vilamartín, hai outras importantes. O sábado e domingo haberá actuacións musicais ao mediodía para amenizar e acompañar aos visitantes na sesión previa ao xantar e o domingo organizarase un xantar popular no recinto da Bacofesta aberto a todos os que queiran participar cara as 15.00 h da tarde.

Tamén é novidade para este ano a exhibición de cetraría e o obradoiro de confección de traxes romanos que se fará o sábado en sesión de mañá e tarde na Praza co Concello coa colaboración da Asociación Sociocultural San Cristóbal da Rúa. Ao remate do mesmo, cara a noitiña, os participantes desfilarán ata o recinto ataviados cos seus traxes.

Cantas adegas participan este ano e que intención ten a súa presenza no evento?

Nove adegas da Rúa. A intención dende que naceu a Bacofesta foi crear un escaparate para elas tendo opción de dar a coñecer a súa marca e os seus viños. Non se trata de crear unha segunda feira do viño de Valdeorras e en principio só está aberta á participación de adegueiros do concello.

Que nos falta para completar o programa?

Pois que haberá postos de alimentación e artesanía así como recuncho de xogos para os máis pequenos e un obradoiro de escribanía de letra romana en sesións de mañá e tarde tanto sábado como domingo.

Sen esquecer a música. O venres ás 23.30 temos unhas xornadas de folclore e sábado e domingo, en sesión matinal, pero tamén durante a tarde, actuacións no recinto e un gran concerto o sábado a partir das 23.30 h.

Zona de xogos. Fonte: Concello da Rúa
Zona de xogos. Fonte: Concello da Rúa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta