Reclamar a compañías de internet, unha odisea?

As diferentes compañías que ofrecen conexión a Internet máis telefonía, fixa ou móbil, son empresas que acumulan reclamacións por deficiencias no seu servizo. Así mesmo, algunhas técnicas comerciais están fomentando que haxa consumidores e consumidoras que vexan como lles cobran, ás veces, por servizos non reclamados e por cantidades consideradas excesivas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 09/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O procedemento é simple, chega con chamar á compañía de Internet para consultar tarifas e servizos a maiores. Nese momento unha persoa ao outro lado da liña telefónica comeza a ofrecer unha serie de prezos e presuntas vantaxes para o ou a clienta. A persoa que chama dubida, pregunta, volve preguntar e finalmente di que vai consultar outras ofertas. Entón hai unha insistencia en que a oferta da compañía que chama é a máis económica, que lle poden ofrecer o mesmo por menos, a cambio dunha permanencia de certo tempo. E así ata que, unha de dúas, a persoa cede ou corta directamente a comunicación para buscar por outro lado.

Compras por Internet
Compras por Internet

A demanda de Internet, ben ADSL ou fibra, vai en aumento consonte o tráfico pola rede cada día é máis necesario.  A contratación dunha liña pode resultar máis ou menos barata segundo os lugares. Así o medio rural é unha área que presenta dificultades, ben pola falta de infraestruturas para a conexión ou pola deficiencia cando non é a obsolescencia das mesmas.

O SERVIZO

O caso é que segundo a vogal de ACOUGA (Asociación Galega de Consumidores e Usuarios), Beatriz Guiance “a maior parte das reclamacións en Galicia, que nós saibamos, é por falta de cobertura, velocidade baixa, cortes e caída da conexión”. Aínda así “non é frecuente darse de baixa por caída da rede” sinala Guiance. Pero o caso é que algunhas compañías cambiaron o aluguer do soporte doutras empresas con infraestrutura para as conexións “e nalgúns casos veuse unha mellora aínda que, no caso do rural, os clientes destas áreas teñen máis posibilidades de que  a conexión non vai de todo ben”.

Aínda que cuns prezos considerados pola maioría de clientes como elevados, Galicia, xunto do resto de España, sería un dos lugares da Unión Europea (UE) con facturas intermedias, por debaixo de Eslovenia, Croacia e Bélxica. Estes tres países, por diferentes motivos teñen uns prezos elevados comparados cos prezos medios aos que estamos afeitos os galegos e galegas. Pola contra, hai países como Romania con prezos tamén medios, pero cunha boa velocidade na conexión ademais de ofreceren a fibra máis barata que o ADSL. Outros países da UE con tarifas máis baratas son a República Checa e Hungría.

AS RECLAMACIÓNS

O presidente de Facua Galicia, Víctor Muñoz Meilán, di “o primeiro que pedimos aos nosos asociados cando queren presentar unha reclamación é que recollan toda a documentación que nos permita facer os trámites e presentar a correspondente queixa”. A recollida de documentación é imprescindible para presentar unha reclamación. Esta medida é aconsellada mesmo desde o Instituto Galego de Consumo cando se chega ao procedemento arbitral entre empresa e consumidor.

As organizacións de consumidores contactan coa empresa. “Pódese enviar un email explicando quen somos, que buscamos e explicándolles os motivos do correo cos datos da persoa afectada” di Muñoz. No caso de non teren resposta da empresa, de que a mesma continúe cobrando facturas cando xa estea finalizado o contrato e a migración dunha compañía a outra estea completada, ás veces non queda máis que recorrer á vía penal. Tamén, como foi no caso dos abusos bancarios, os consumidores poden mesmo crear actos que publiciten a estafa que está realizando a compañía denunciada.

OS CONTRATOS

“Hai que ser moi coidadosos e ler a letra pequena dos contratos”  di Beatriz Guiances que tamén recalca “pagar gastos por burocracia non é algo normal, senón podemos ir ás Leis da Competencia e a toda a lexislación actual e desde aí presentar a reclamación”. O problema é que máis dunha vez se fai un contrato “telefónico” no que a persoa non está presente de maneira física pero que para a compañía queda asinado. “Está sen formalizar, entón por que me cobras algo se só me fixeches unha oferta?” do Guiances. “Dentro de todo isto normalmente hai elementos non transparentes e que estarían ligados a publicidade enganosa e iso non se axustaría a dereito”.

“Moitas veces eses documentos non teñen un vínculo contractual e asinado” di o avogado Antón Pérez-Lema “sería un documento cuasi contractual e ás veces podería incluir elementos que estarían fóra do consentido polo cliente”. É por iso que este letrado recomenda especial “coidado coas contratacións verbais, sobre todo coas ofertas de contratación verbal”. Un exemplo serían as persoas maiores que son contactadas telefonicamente para vender produtos que ao final, parece que non conseguen pagar de todo, pois as facturas non paran de chegar.  Todo isto prodúcese por unha simple política comercial, “as empresas non queren que marches” di Pérez-Lema. Desta maneira crean todo tipo de técnicas envolventes para facer case imposible a saída dunha persoa.

A cuestión é que no momento de facer un cambio na compañía que nos serve Internet, sexamos coñecedores dos nosos dereitos como consumidores. Non dar o consentimento de boas a primeiras, asegurarse que non se fai ningunha contratación verbal sen antes estar ben seguro e, no caso de que exista motivos para reclamar presentar da demanda no Instituto Galego de Consumo.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta