Temas: DISCAPACIDADE

As persoas galegas con discapacidade, en desvantaxe con respecto ao resto do Estado

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia advirte que a Xunta de Galicia modifica a valoración do grao de discapacidade mediante un formulario contrario á norma estatal que perxudica ás persoas galegas pois “poden estar renunciando a 15 puntos na valoración sen ser conscientes”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/08/2018 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Para garantir a igualdade de condicións no acceso da cidadanía aos beneficios, dereitos económicos e servizos que os organismos públicos outorguen, o artigo 1 do Real Decreto 1971/1999 dispón que o recoñecemento do grao de discapacidade ten que ser uniforme en todo o territorio do Estado. Pero, segundo o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, a Xunta vén de incumprir a normal estatal.

Traballador Con Discapacidade De Lantegi Batuak
Traballador Con Discapacidade De Lantegi Batuak

Así, o COTSG advirte que a Xunta modificou a valoración do grao de discapacidade mediante un formulario que coloca ás persoas galegas con discapacidade en desvantaxe con respecto ao resto do Estado, xa que "non solicitar a valoración dos factores sociais pode supoñer ata 15 puntos menos". Porque a Comunidade galega é "a única que inclúe na súa solicitude a posibilidade de renunciar á valoración dos factores sociais complementarios". O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia alerta de que a opción que vén marcada de xeito predeterminado na sede electrónica é o "non", polo que "poden estar renunciando a 15 puntos na valoración sen ser conscientes”.

Desde o COTSG sinalan que o mencionado decreto expón no seu artigo 5 que a porcentaxe obtida na valoración da discapacidade modificarase mediante a adición da puntuación resultante na valoración dos factores sociais complementarios. Ademais, a norma dispón que a porcentaxe mínima de recoñecemento de minusvalía é o 33%, polo que a puntuación dos factores sociais resulta determinante a maior parte das veces para acadar dita porcentaxe, mesmo a do 65% que facilita o acceso ás prestacións económicas.

Doutra banda, no que ten que ver cos órganos competentes para a emisión deste tipo de ditames, desde o COTSG fan referencia ao artigo 8 do Real Decreto, no que se establece que teñen que estar formados, “polo menos” por  “médico, psicólogo e traballador social”. Polo tanto, a Xunta incumpre a normativa, din desde o COTSG, ao non dispoñer, en moitos casos, de equipos de valoración completos. Ademais, o NON na solicitude implica que o ditame non vai completo porque falta a valoración da ou do traballador social; e estarase definindo como discapacidade unha situación que non o será, pola falta dun elemento que pese a ser complementario, forma parte do conxunto da valoración.

Explican tamén que a normativa galega “vulnera a normativa estatal que no seu artigo
9.4 fai referencia á valoración por informes só en casos excepcionais.  As fontes
documentais non poden excluir á entrevista profesional, xa que é nesta entrevista
social onde se contrastan, se amplian e se concretan os datos en relación co obxecto
da valoración. A substitución desta, polas formas documentais, favorece a perda de
rigor profesional na valoración”.

Á vista destes acontecementos o COTSG vén de enviar unha proposta de modificación
da solicitude
de recoñecemento do grao de discapacidade á Consellería de Política
Social na que se adxunta o informe xurídico que sinala todas estas contradicións así
como os modelos de solicitudes de valoración da discapacidade doutras 16
comunidades autónomas nas que a valoración social si é complementaria e non
optativa como no caso galego.

Temas: DISCAPACIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta