Sanitarios dos PACs maniféstanse contra o "déficit de persoal" e a "nula planificación" do Sergas

Os traballadores dos Puntos de Atención Continuada realizaron un paro de 20 minutos de duración, unha semana despois do falecemento, sen asistencia médica, dun home no PAC da Estrada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2018 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Os traballadores sanitarios dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia realizaron un paro de vinte minutos de duración para denunciar a "nula planificación" do Sergas e o "déficit en recursos humanos", nunhas mobilizacións desenvolvidas unha semana despois do falecemento, sen asistencia médica, dun home no PAC da Estrada.

Protesta este domingo 12 de agosto ante a PAC de Galicia. PACS EN PIE DE GUERRA
Protesta este domingo 12 de agosto ante a PAC de Galicia. PACS EN PIE DE GUERRA | Fonte: Europa Press

Os paros laborais desenvolvéronse entre as 10,45 e as 11,15 horas ante os Puntos de Atención Continuada, convocados polos traballadores que forman parte do colectivo 'PACs en pé de guerra', e coa participación tanto do persoal sanitario como o de servizos xerais e, nalgúns casos, co apoio dos pacientes que acudiran ao centro.

Con esta medida, o colectivo sanitario reclamou á Xunta que dote os PACs de "equipo completo", posto que na actualidade algúns dos centros galegos están atendidos con "tan só un médico e un enfermeiro", segundo denunciou a súa portavoz, Ana Gonzalo.

Unha situación que provoca que ante unha urxencia nun domicilio, a PAC quede sen atención sanitaria, algo que resulta aínda máis grave para os pacientes que viven en zonas "nas que o hospital máis próximo está a unha hora".

Por isto, os traballadores denunciaron que o "déficit de recursos humanos" e "a nula planificación a curto e longo prazo de cada un dos centros" habitual agrávase "no período estival".

"Este verán foi especialmente duro para nós ao ter que enfrontarnos a situacións de catástrofes, sobrecarga asistencial, dentro e fóra dos centros, que fai complicado o poder dar unha atención cun mínimo de calidade, a pesar de pór todo o noso esforzo e profesionalidade niso", explica o colectivo.

Neste sentido, os traballadores da sanidade fan referencia "aos desgraciados sucesos acaecidos nestes últimos días", en referencia ao falecemento sucedido na PAC da Estrada, e acusan "as distintas Xerencias e ao Sergas" de non ser "capaces de asumir responsabilidades" e de non mostrar "indicios de analizar a situación e realizar unha boa xestión e planificación dos recursos".

Os sanitarios sosteñen que a falta de persoal para cubrir os equipos dos PACs de Galicia derívase da mala planificación por parte do Sergas e da precariedade laboral dos traballadores do Sergas.

"Non hai persoal porque á xente que fixo a residencia de médico de familia non lle ofrecen un contrato de meses nun lugar, chámanlles día a día e a xente vaise fóra e migra", asegurou Gonzalo.

Precisamente, as protestas deste domingo que, segundo puntualizou a portavoz do colectivo, terán continuidade no tempo, han ir encamiñadas tamén a mostrar apoio "aos compañeiros que se tiveron que enfrontar a situacións moi duras traballando".

De forma paralela, os facultativos comezaron a realizar un rexistro "serio" no que mostrarán "cantas horas están facendo os PACs sós sen atención".

'CARTA ABERTA' ANTE UN FALECEMENTO NO PAC DA ESTRADA

Nunha 'carta aberta' dos 'PACs en pé de guerra' ante o falecemento dun home o sábado 4 de agosto que non recibiu atención médica cando se atopaba no Punto de Atención Continuada da Estrada (Pontevedra), o colectivo denuncia que este feito se produciu "nun contexto de falta de cobertura do reforzo" e ante a ausencia do único equipo que desenvolvía o traballo esa tarde por acudir a unha urxencia fóra do centro.

No seu escrito, lembran que "desde hai meses" reclamaron ao Sergas que se cubrisen todos os PAC con equipos completos de "enfermeiro/a e médico/a e a revisión dos plans funcionais de cada centro", porque se está traballando "con recursos mínimos".

"Tras meses denunciando esta situación atopámonos que, no verán no que a carga asistencial e a poboación aumenta, o persoal co que estamos a traballar é inferior ao do resto do ano. Todo isto a pesar de que nos limitaron o tempo de goce de vacacións e permisos, que denegaron reducións de xornada por motivo de conciliación e que aumentaron a xornada, obrigando a facer quendas de traballo a maiores ao persoal da PAC", denuncian os traballadores.

Ante isto, acusan o Sergas de que a súa solución sexa "unha vez máis a sobrecarga e o recorte de dereitos nun persoal extenuado" e que "xa non pode máis", e afean que "bote balóns forza coma se cousa do azar tratásese", reclamándolle "autocrítica".

"A FALTA DE PERSOAL NON SE SOLUCIONA SOBREEXPLOTANDO"

Nesta liña, o colectivo abunda nas súas críticas á Consellería de Sanidade, á que acusan de "sobreexplotar sempre os mesmos" en lugar de formar a sanitarios "suficientes" que cubran as xubilacións que se xeran, ofrecer "prazas suficientes en oposicións", dotar o persoal eventual de "dereitos mínimos para evitar a súa fuga" e, "en definitiva, cambiar unha estratexia que de xeito evidente non resolve nada".

Así, os traballadores deste colectivo acusan o conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, de querer aplicar unha "solución máxica" que pasaría, segundo as súas afirmacións, por "recortar servizos para os pacientes" e "pechar os PACs para adaptarse aos recursos actuais".

Fronte a isto, as súas propostas pasan por realizar un estudo das necesidades e problemas da poboación, por revisar as necesidades de recursos materiais de persoal e por unha educación sanitaria que fomente o correcto uso dos servizos.

Como conclusión, desde 'PACs en pé de guerra' expresan o seu pesar á familia do home falecido na Estrada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta