Tildan de "lamentable" o estado do río Portapego contaminado pola mina de Touro

Augas de Galicia elaborou un informe sobre a actual situación do regato, que sofre colapsos na súa rede de saneamento debido ao depósito dos lodos da mina de Touro. A asociación Aldea Viva critica que o alcalde do Concello, Ignacio Codesido, queira pagar con cartos públicos a nova canalización.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/08/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Os técnicos de Augas de Galicia sinalan o "estado lamentable do cauce natural do regato" de Portapego como a principal causa dos continuos asolagamentos e colapsos que sofre a rede de saneamento, provocados polo depósito de lodos procedentes da mina de Touro. Como remedio, o alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, quere pagar con cartos públicos unha nova canalización. 

O regato Portapego contaminado pola mina de Touro
O regato Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Asociación Aldea Viva

Perante esta decisión, o colectivo medioambientalista anuncia que presentará alegacións ás obras que pretende levar a cabo o concello rexido polo alcalde popular Codesido, xa que consideran que as arcas municipais non deben asumir os custos da "desfeita medioambiental" que levou a cabo a propietaria dos terreos da mina, Explotaciones Gallegas. Ademáis considera que as actuacións propostas non solucionan o problema e os lodos mineiros seguirán atascando a rede. Recorda, así mesmo, que no mes de Xullo xa denunciaron o gasto de máis de 300.000 euros por parte de diferentes administracións en intentar tapar o estado do río que pasa pola capital municipal.

O ALCALDE E A SÚA RELACIÓN COA MINA

Os escándalos relacionados cos terreos mineiros propiedades de Explotaciones Gallegas - máxima accionista de Cobre San Rafael - denunciados pola asociación Aldea Viva, son numerosos e teñen todos un punto en común: "a connivencia do alcalde de Touro", asegura a asociación. Segundo narran, todo comezou coa urbanización da actual área de servizos de Touro, que supuxo a desaparición da canle perimetral que evitaba a saída dos lixiviados da mina cara os ríos, e das balsas de decantación.

Ao respecto, a asociación comenta que o "silencio" e a "permisividade" do alcalde permitiron os "desastres medioambientais" que se veñen sucedendo dende aquela, xa que a pesar do coñecemento da situación "non denunciou en ningún momento as supostas ilegalidades" senón que foi colaborador mesmo colaborador delas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta