Por E.P. | Pontevedra | 14/08/2018 | Actualizada ás 18:56
O portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafael Domínguez, cualificou de "botellón descontrolado" a celebración de Peñas durante os dúas últimas fins de semana, coincidindo coa feira taurina da Peregrina, e criticou que transmite unha "desastrosa imaxe" da cidade, cun efecto "terrorífico", polo estado no que quedan as rúas da zona monumental.
Acompañado pola secretaria local do partido, Pepa Pardo, e o concelleiro César Abal, Domínguez mostrou fotografías de varias rúas e prazas tomadas antes de que os servizos de limpeza procedesen a retirar os residuos acumulados, que sumaron 43 toneladas. Ademais, destacou que nese catro días se rexistraron 68 asistencias de emerxencias e 20 intoxicacións etílicas, das cales doce estiveron protagonizadas por menores de idade.
Para Rafael Domínguez, as consecuencias desta situación afectan por unha banda a veciñanza das zonas onde se rexistra a actividade, os hostaleiros --que segundo o dirixente popular declararon perdas de até o 90 por cento--, os turistas e os menores. "Con ou sen botellódromo, está prohibido que os menores de idade beban alcol pero case o 60 por cento das intoxicacións etílicas nestes días foron de menores e é intolerable", destacou.
INCAPACIDADE
"Non estou a dicir que se incite" ao consumo de alcol, precisou Domínguez, "pero vese que hai menores bebendo, conséntese e permítese", remarcou o portavoz popular, que evidenciou a "incapacidade" do goberno local "para controlar tanta xente". Aínda que desde o PP de Pontevedra non apuntaron a ningunha solución concreta, a posibilidade de trasladar a celebración de Peñas ao Recinto Feiral permitiría que "se están todos controlados nun sitio, o acceso dos menores" para evitar que consuman alcol "sería máis dificultoso", engadiu.
Tras enunciar comentarios negativos supostamente publicados nas redes sociais por turistas e viandantes describindo o aspecto das rúas, o presidente local do PP culpou ao BNG desta situación, ante a "indiferenza" coa que actúa o goberno municipal, a cuxa concelleira de Festas, Carme da Silva, reprochou o seu balance "positivo" do inicio dos festexos. Así, instou ao grupo de goberno a "recapacitar" e "abrir un período de reflexión profunda" para decidir "entre todos, que tipo de festas queremos ter".
POLICÍA LOCAL
Por outra banda, Rafael Domínguez cualificou de "cortina de fume para tapar a mala imaxe da cidade" durante as penas a acusación formulada por Carme da Silva ao atribuír a protesta de axentes da Policía Local durante o pregón das festas a "un grupo dirixido polo PP". "Se hai algún culpable, é o BNG e o seu alcalde, Miguel Fernández Lores", afirmou Domínguez, quen responsabiliza ao goberno local de ter un "conflito enquistado desde hai anos" e insta o grupo municipal nacionalista a "ser un partido tan democrático cando sofre as protestas como cando as exerce".
No entanto, a pesar de considerar "lexítimas" as reivindicacións dos promotores da concentración e da pitada organizada antes e despois do pregón, mostrou a súa desconformidade "co lugar elixido" para escenificalas. "A min, particularmente, non me agradou", afirmou. "Se son alcalde, nunha semana soluciónase o conflito", engadiu, en referencia á necesidade de diálogo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.