A Xunta replica á Asociación de Festivais que si era "obrigatorio" rexistrar o plan de autoprotección

Explica que este plan se refire á capacidade do "festival completo, non só para o concerto". En consecuencia, indica que si deberían ter elaborado o plan segundo a normativa vixente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Xunta replicou á Asociación Empresarial Festivais de Galicia que si era "obrigatorio" rexistrar o plan de autoprotección do Marisquiño na Dirección Xeral de Emerxencias e con carácter previo á súa celebración.

O peirao de Vigo, tralo accidente durante o Marisquiño
O peirao de Vigo, tralo accidente durante o Marisquiño | Fonte: Miguel Núñez

En resposta ao afirmado por esta asociación durante a xornada do mércores, o Goberno galego indicou que, segundo a normativa vixente, este plan debe ser elaborado para aquelas actividades recreativas e espectáculos públicos que se realicen ao aire libre --como era o caso do festival-- cunha capacidade igual ou superior a 20.000 persoas.

Fronte a iso, a Asociación Empresarial Festivais de Galicia aseguraba o mércores que a acollida prevista para o festival era de "4.500 persoas". Pero a Xunta explica que este plan se refire á capacidade do "festival completo, non só para o concerto", que era ao que facía referencia esta asociación nun comunicado.

Neste sentido, segundo recolle o artigo 5 do DOG, sobre o rexistro de plans de autoprotección, a finalidade destes informes é "establecer unha base de datos sobre o seu contido", para que os servizos de emerxencias de Galicia poidan acceder a ela e "ampliar a información" sobre os establecementos e instalacións, de maneira que "se faciliten as súas posibles intervencións en caso de sinistro".

Deste xeito, o DOG tamén especifica que a inscrición deste plan debe realizarse con "carácter previo" ao comezo da súa actividade, e a súa resolución por parte da Xunta debe notificarse nun prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte á entrada da solicitude no rexistro do órgano. Aínda así, "a inscrición non supón a concesión de licenza para o inicio da actividade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta