O PPdeG suxire que Abel Caballero podería estar a fabricar "un expediente exprés"

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, critica que o alcalde de Vigo "prefire subir ao escenario de teloneiro que garantir a seguridade" dos asistentes no que puido ser o "Madrid Arena vigués".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, expuxo que a "desaparición" estes días do alcalde de Vigo, Abel Caballero, podería deberse á "fabricación exprés" do expediente sobre o festival de O Marisquiño, e criticou que o rexedor "prefire subir a un escenario como teloneiro que garantir a seguridade" dos asistentes no que puido converterse no "Madrid Arena vigués".

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado. Europa Press - Archivo
A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Deste xeito, Prado solicitou a Caballero "explicacións detalladas sobre o sucedido", xa que cinco días despois de lamentar o suceso, "nin sequera se tivo acceso nin se puido ver a licenza municipal que se debería ter para celebrar este evento". Neste senso, afirmou que o PPdeG "confía en que a demora non teña que ver coa fabricación exprés dun expediente".

Ademais, asegurou que "cada día que pasa --sen a presentación dese expediente-- estréitase máis a soga sobre a corporación municipal de Vigo e sobre o seu alcalde". É difícil comprender que Caballero, que suspendeu partidos da liga de Fútbol Española en base á súa autoridade e personalismo, poida autorizar que se celebre en Vigo un evento coma O Marisquiño, con deficiencias severas de seguridade", aseverou.

Así, a viceportavoz parlamentaria ironizou con que, "tras coñecer que a día de hoxe xa van 467 feridos, Caballero pode seguir facendo o mesmo á hora de autorizar eventos culturais e doutro tipo". "Canto máis tarde en dar unha explicación convincente que despexe as dúbidas, máis intensas serán as nosas reclamacións", sentenciou Prado.

"SER ALCALDE NON IMPLICA SUBIRSE A UN ESCENARIO"

Así mesmo, apelando ao presidente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), "que representa aos alcaldes de toda España", Prado asegurou que, "se todos os alcaldes deste país fixesen as cousas como o de Vigo, é probable que as festas e festivais que se organizan durante a época estival e ao longo do ano pola xeografía española poidan metelos en leas".

Por iso, lembrou a Caballero que "ser alcalde non implica subirse ao escenario para ser teloneiro de ningún grupo". "Ser alcalde implica garantir a seguridade de todas as persoas que acoden a festivais, concertos culturais ou eventos deportivos", xa que "esa é a verdadeira responsabilidade dun alcalde", aseverou.

Respecto diso, insistiu en que "Abel Caballero prefire subirse a un escenario de teloneiro que garantir a seguridade das persoas dese escenario no que se celebran os concertos". E apuntou que "outros compañeiros de partido e outras corporacións amosan o seu asombro polo sucedido en Vigo esta semana" e "por como se ten xestionado --o suceso-- dende o ámbito municipal".

INSISTE NA RESPONSABILIDADE DO CONCELLO

Por outra banda, a viceportavoz parlamentaria do PPdeG, que sostén que Abel Caballero é "odiado no seu partido", suxeriu que o propio PSOE "está asombrado de como se actuou nun suceso que puido custar vidas humanas" e "que puido ser unha catástrofe moitísimo maior". Polo que respecta ás responsabilidades sobre a zona na que se produciu o accidente, Prado lembrou que "a xustiza xa dixo nalgunha ocasión que a responsabilidade de mantela é do consistorio" e que "probablemente o volva a manifestar unha vez se inicie o percorrido xudicial".

"Xa coñecemos algunha sentenza do contencioso administrativo de Vigo no que se condena ao concello como responsable da plataforma na que se produciu o fatal accidente", indicou Prado. Por iso, segundo sinalou, "agora o que queda ver é canto tarda o consistorio en dar explicacións e en asumir responsabilidades".

ASUMIR RESPONSABILIDADES

Durante a súa intervención, a viceportavoz do PPdeG tamén apuntou que aqueles que "non son capaces de garantir a seguridade das persoas que acoden a un evento organizado polo propio concello, difícilmente poderán seguir á fronte do mesmo organizando eventos similares".

"Seguiremos pedindo explicacións en todos os ámbitos que sexan necesarios, porque se o alcalde fía a súa sorte a que se esqueza o de Vigo, a falta de eficacia e xestión, o PP vai seguir pedindo e reclamando explicacións", insistiu Prado, e afirma que "non poden continuar na xestión pública persoas que non poden garantir que isto non vai volver a ocorrer baixo o seu mandato".

ALCALDE "DESAPARECIDO"

Ademais, Prado sinalou que "pasan as horas e, a medida que pasan, o señor Abel Caballero continúa desaparecido", a pesar de que "sempre lle gusta estar en primeira liña cando hai titulares". Respecto diso, indicou que "a súa desaparición preocupa ao PPdeG", porque "está desaparecido como persona e tamén como administración".

Así mesmo, demandou "que se lle dean todos os informes ás vítimas" e "aos compañeiros do grupo municipal do PPdeG de Vigo, que os solicitaron", xunto á licenza municipal.

ANIMAN ÁS VÍTIMAS A RECLAMAR

Finalmente, a viceportavoz parlamentaria defendeu que "as vítimas teñen dereito á transparencia e a coñecer o expediente", e animounas a "presentar reclamacións pola vía xudicial", para o que necesitan tamén que se lles dé "documentación" sobre o sucedido, "unha documentación que non se coñeceu até o momento".

Ante esta situación, Prado expuxo que o PPdeG "non sabe se o que se quere é fabricar un expediente exprés" nin "por que non se coñecen os informes favorables que teñen que ter desde o concello para que se celebrase este evento". "Puido producirse un Madrid Arena á viguesa e iso é o que imos esixir que se explique e, logo, veremos se estas explicacións son suficientes", sentenciou a viceportavoz do PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Cirigaitas

Está "Regalosdelahostia" como para dar Leccións de Nada,,,,,,

2 PP RATAS NOXENTAS

Pero houbo moitos danos, moitas camisiñas rotas, mobiles perdidos, osos escachifados, e despois das que fixeron os de PORTOS DE EXPAÑA, non vai pagar o regorte LOPEZ VERGA, si en vez de caer xente moza polo wáter abaixo, chegan a caer curas e monxas o mellor xa tiña demitido ou incluso estaría na cesantia grande, andan os pepeiros botando “merda” politizando a emerxencia, non o fixeron acaso sempre, incluso nos lumes forestais… voltan a mesturar o tema de meter o plan na xunta, utilizan o tema da duración do evento, si o final o xefe de sala do 112 Rueda Valenciano falara de tipo “dinamico” xa verán, é xa para botarse as maos a cabeza!- E señores non pode ser plan de autoprotección pois si é tal debería ser elaborado por persoal técnico especializado seguindo indicacions de protección civil, o persoal técnico hai que págalo non é gratis, os da xunta están mentido, son moi engañadores… ou acaso o van pedir agora os outros eventos e acontecementos?

1 uysh

Que pouco comprensiva!. Estaba ocupado cantando e bailando, que iso sí que se lle dá moi ben. Xoán Manuel.