Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2018 | Actualizada ás 14:34
A recentemente nomeada vicesecretaria de comunicación do PP, Marta González, afirmou que a polémica do máster do seu presidente, Pablo Casado, caso elevado a semana pasada ao Tribunal Supremo, é un "problema ficticio creado polos medios e promovido polos partidos para degradar a imaxe dun novo líder ilusionante".
Así o expresou a tamén deputada galega no Congreso nunha entrevista concedida este venres á Televisión de Galicia (TVG), na que asegurou que a división no partido "non é certa" porque "unha vez acabou o proceso" para elixir o sucesor de Mariano Rajoy, "todos son compañeiros e membros do PP".
En relación coa nova etapa que comeza o partido con Pablo Casado á cabeza, González expresou que "hai moitísima ilusión e ganas de traballar coa idea de estar preparados para os novos retos" que a sociedade demande. Ademais, a vicesecretaria de comunicación dos 'populares' descartou que, co novo presidente, a formación sufra un xiro á dereita, senón que agora o partido "non se reprime á hora de expresarse": "Hai máis claridade na mensaxe e unha maior contundencia".
Por todo iso, sinalou que o PP fará unha "oposición firme" ao Goberno de Pedro Sánchez porque, engade, o PSOE "está a vivir de réditos "facendo pasar por seus logros que non o son" como os orzamentos ou a oferta pública de emprego, segundo exemplificou González.
"AFASTARSE DE REIVINDICACIÓNS POLÍTICAS"
Así mesmo, a deputada galega apostou por "afastarse de reivindicacións políticas" nos actos polo primeiro aniversario dos atentados de Barcelona e Cambrills, que se deben centrar, segundo as súas palabras, "só nas vítimas". "É un día de tristeza pero tamén de reivindicación da democracia, da liberdade e dos dereitos humanos", sentenciou na entrevista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.