A ética "low cost" de Pablo Casado

Nos primeiros meses do ano 2011 dimitiu como ministro de Defensa no goberno de A. Merkel, Theodor Zu Guttenberg, como consecuencia dunha información xornalística na que se revelaba que copiara unha parte da súa tese de doutoramento.Tratábase dun político xoven -39 anos- cun elevado índice de popularidade -70%- que lle proporcionaba un futuro moi prometedor no partido conservador alemán.

Por Xesús Veiga | Compostela | 22/08/2018

Comparte esta noticia
Un ano máis tarde, a responsábel de Educación no executivo de Merkel,  Annette  Schavan, tivo que deixar o seu posto polo mesmo motivo:unha denuncia pública de plaxio nos seus traballos académicos. En ambos casos non houbo intervención xudicial previa que provocase semellantes abandonos.
 
O contraste con Pablo Casado é moi significativo.A pesar de que existía unha investigación xudicial en marcha, a maioría das persoas que conformaron o corpo electoral do recente Congreso do PP apoiaron a súa elección como presidente do partido.Agora, unha vez que a xuíza encargada das indagacións ve indicios de comisión de delitos -prevaricación e suborno impropio- e decide trasladar o expediente ao Tribunal Supremo como consecuencia do sistema de  aforamento que rexe nos procedementos xudiciais españois, o afectado proclama que non pensa dimitir aínda que resulte finalmente imputado polo alto tribunal.
 
Casado anunciou que, co seu triunfo, “volvía o PP”.Se a recuperación duns presuntos sinais de identidade perdidos explica a radicalización da retórica no tema migratorio ou na política penitenciaria cos presos de ETA, no caso da corrupción semella que a vida segue igual na rúa Génova.A lóxica é a de sempre, a dos mellores anos do  marianismo:só cabe considerar a dimisión se hai unha sentenza xudicial condenatoria.É verdade que houbo algunhas excepcións espectaculares:Cifuentes abandonou polo vídeo das cremas roubadas nun hipermercado que alguén filtrou no momento oportuno.
 
O novo presidente do partido de Fraga, Aznar e Rajoy quixo adornar a súa negativa para contemplar a dimisión afirmando que a única ética que el considera é a que aparece no corpo legal vixente.Con este postulado filosófico non tería nada que facer na forza irmá que goberna dende hai anos en Alemaña.Alí xa estaría de regreso na “vida civil”, sen necesidade de que unha autoridade xudicial promovese unha causa contra el.En realidade, xa non competiría para liderar unha organización que proclama querer limpar a política de calquera pegada ou sospeita de corrupción. 
 
Sen pretendelo expresamente, Casado vai ser o “test de estrés” para medir a independencia realmente existente no Tribunal Supremo e para coñecer a capacidade  rexenerativa do PP.
 

Pablo Casado atende aos medios após anunciar a súa candidatura a liderar o PP
Pablo Casado atende aos medios após anunciar a súa candidatura a liderar o PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.