Dedican unha praza en Marín a Carmen Pesqueira 'A Capirota' para "restaurar a memoria" das vítimas da represión

A bisnieta de Carmen Pesqueira Domínguez 'A Capirota', Miriam Lorenzo, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, descubriron unha placa nunha nova praza que agora leva o nome da "muller valente e loitadora polos dereitos dos traballadores".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 18/08/2018 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A bisnieta de Carmen Pesqueira Domínguez 'A Capirota', Miriam Lorenzo, e a alcaldesa de Marín (Pontevedra), María Ramallo, descubriron unha placa nunha nova praza que agora leva o nome da "muller valente e loitadora polos dereitos dos traballadores" --como figura na inscrición-- que foi fusilada o 18 de agosto de 1936 no Pozo da Revolta. "É un milagre que nos xuntemos aquí para restaurar a memoria", afirmou a escritora Xina Veiga durante o acto.

Acto celebrado en Marín en homenaxe a Carmen Pesqueira 'A Capirota'
Acto celebrado en Marín en homenaxe a Carmen Pesqueira 'A Capirota' | Fonte: Europa Press

Máis de medio centenar de marinenses reuníronse para inaugurar este espazo, cumprindo así un acordo unánime do Pleno da Corporación do pasado mes de maio. "Hoxe en día a miña familia sente que a miña bisavoa non quedou no esquecemento", afirmou unha emocionada Miriam Lorenzo, destacando que Carmen Pesqueira foi "unha persona independente, traballadora e loitadora polos dereitos da muller".

O seu avó, fillo "de solteira" de Carmen Pesqueira, e que só tiña 4 anos cando 'A Capirota' foi asasinada, "quería moito á súa nai pero sufría e sentía dor porque nunca atopaba unha resposta, un por que" á súa morte, lamentou esta descendente da veciña homenaxeada. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín lembrou que Carmen Pesqueira foi represaliada "covarde e vilmente por oporse a que fosen golpeadas as persoas maiores que non erguían o brazo ao soar a Cara ao sol".

A presidenta desta entidade, Queta Molas, resaltou que con este acto o pobo de Marín "restitúe" a memoria das vítimas fronte ao "medo" que había por feitos similares en localidades próximas como Bueu, Cangas ou Pontevedra, onde o día anterior fusilaran ao dirixente galeguista Alexandre Bóveda. "Faise xustiza á ignonimia da súa morte", asegurou Queta Molas sobre a figura de Carmen Pesqueira, cuxa "voz reivindicativa" a favor "do respecto e os dereitos" segue vixente a día de hoxe.

SÍMBOLO

Nunha emotiva intervención a modo de carta, Xina Veiga --vinculada a Marín pola orixe do seu tío Urbano Rodríguez Moledo, fusilado en Vigo o 10 de decembro de 1936-- censurou o "crime" da Capirota "por situarse ao lado dos débiles", e lembrouna como un "símbolo de muller libre e traballadora, exemplo de radical humanidade".

Citando datos do historiador Dionisio Pereira, Xina Veiga explicou que o número de persoas represaliadas rolda as 14.700, das cales 635 foron mulleres, sendo 71 as asasinadas. No entanto, a violencia foi "cualitativamente superior" que a exercida sobre as vítimas masculinas, sinalou. Así, entre as "cotas de bestialidade" alcanzadas, a autora denunciou casos de violación grupal e de mutilación, como sufriu 'A Capirota', cuxos seos foron "seccionados" e o seu corpo "exhibido por Bueu e tirado na rúa".

Xina Veiga referiuse aos promotores da Asociación pola Memoria Histórica de Marín como "heroes civís" e eloxiou a "sensibilidade" da Corporación marinense por "crear cultura cívica e democrática" a través desta celebración. Pola súa banda, a alcaldesa rexeitou o "ataque inexplicable" exercido sobre Carmen Pesqueira: unha muller "valente que dignifica a nosa esencia". "O seu sacrificio remove conciencias", afirmou a rexedora municipal, e fai posible que na actualidade os cidadáns poidan "gozar de non ser perseguidos" polas súas ideas.

A homenaxe e a ofrenda floral contaron coas intervencións do dúo Xistra e do grupo de música tradicional Picuiña, que interpretou o Himno de Riego durante o descubrimento da placa. Tamén asistiron concelleiros da Corporación marinense, o deputado autonómico do BNG Luís Bará ou a escritora e xornalista Montse Fajardo, autora de obras relacionadas coa memoria histórica como 'Un cesto de mazás', 'Invisibles' ou 'Matriarcas'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta