O alcalde de Ferrol sobre En Marea: "Hai que estabilizar o rumbo do barco antes de afrontar as municipais"

Jorge Suárez non descarta que os restos de Franco acaben en Ferrol pero que os seus familiares deben pedir un nicho "como calquera cidadán".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2018 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de Ferrol en Común, non descarta que os restos de Franco se depositen finalmente na localidade unha vez que se retiren do Val dos Caídos, pero a condición de que os familiares soliciten un nicho "como calquera cidadán", posto que o outorgado no ano 1967 como un agasallo municipal pasará de novo a titularidade do Concello.

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol. CADENA SER
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol. CADENA SER | Fonte: Europa Press

En entrevista na Cadena Ser insistiu que os herdeiros de Franco non poderán utilizar o panteón familiar do que dispoñen no cemiterio de Catabois, posto que procede dunha doazón municipal realizada no ano 1967 e que se considera irregular. No entanto, matizou que o Franco "deben porse á cola do portelo como calquera cidadán", posto que "por moi ditador que fose", ten dereito a que os seus restos sexan depositados "nun lugar digno".

En todo caso, sostén que "non debe facerse amparado nun privilexio" e que "custe o que custe" se terá que evitar que o lugar elixido "se convirta nun fenómeno de masas", que non sexa "un lugar de peregrinaxe para os acólitos do fascismo, que por desgraza aínda son demasiados, nin tampouco un lugar de vandalismo para quen garden todo o odio contra un período nefasto na historia do noso Estado". Suárez pon como exemplo a xestión realizada en Italia, onde se prohibiu "calquera acto de exaltación fascista nos arredores da tumba de Mussolini". Un sistema polo que aposta para "darlle, dentro da gravidade, a maior normalidade e a maior discreción posible" aos restos de Franco.

DEFENDE QUE EN MAREA DEBE ESTABILIZAR "O RUMBO DO BARCO"

Ante a situación interna na que se atopa En Marea, sostén que debe "estabilizar o rumbo do barco" de forma "urxente" antes de afrontar as eleccións municipais do próximo ano e aposta por facelo "tomando como modelo as cidades". Suárez defendeu os "espazos mestizos, proxectos moi diferentes e conscientes de ser diferentes" impulsados desde os gobernos afíns a En Marea, e nos que se antepoñen "os intereses das clases desfavorecidas" aos propios.

Con todo, matizou que isto debería facerse "sen que supoña agresións mutuas nin deslixitimar o traballo de ninguén", en especial, nun momento no que considera que a campaña electoral para as municipais de 2019 xa comezou, coa Xunta e o PP con toda a súa maquinaria "activada" para "bater" as chamadas "cidades do cambio", A Coruña, Santiago e Ferrol, gobernadas polas confluencias. Pero, fronte a outros representantes críticos agrupados na Mesa da Confluencia, o rexedor ferrolán alega que o proxecto de En Marea non está esgotado e avoga tan só por "reformularlo para que todas as partes sentan representadas".

"Levamos moitísimo tempo e moitísimo desgaste, que se nota nas enquisas, falando de nós mesmos, dos nosos conflitos; e todo o traballo excelente que se está facendo no Parlamento, en defensa da clase traballadora, dos colectivos agredidos, da sanidade pública e a educación... non están a ter a relevancia necesaria", valorou. Por este motivo, defende que as partes da confluencia integradas na Mesa, que "traballan pola unidade e non teñen representación", deben alcanzar o "papel que lle corresponde", pero non por "un sistema de cotas de poder", senón "porque foron os que estiveron desde o principio apostando pola unidade e renunciaron con toda a xenerosidade ás súas siglas para conformar un proxecto de unidade popular".

A LUÍS VILLARES, "TODO O MEU APOIO, RESPECTO E RESPALDO"

O líder de Ferrol en Común defende a Luís Villares aínda que se mostra convencido de que ao portavoz de En Marea "non lle queda outra que tomar medidas". "Ten todo o meu apoio, respecto e respaldo a nivel persoal e político; outra cousa é que o Consello e a dirección que actualmente conforma En Marea están protagonizados por actores minoritarios que non representan a pluralidade do espazo", remarcou Suárez, que empraza a "resolver canto antes a falta de representatividade do Consello das Mareas, que non representa a todo o espazo".

Un Consello ao que tamén lle atrivuiu "un menosprezo" ás organizacións políticas "que sempre estiveron a apostar pola unidade popular" e nas que acaba parecendo, puntualizou, un "estigma" militar --Jorge Suárez milita en Esquerda Unida--. "Unha cousa é Villares, a súa relevancia, o papel que xoga dentro de En Marea e outra como debe conformarse ese espazo, que debe fuxir da estrutura dun partido vertical tradicional". Lembra que, "para iso", xa existen outros espazos "de índole nacionalista" mentres á confluencia tócalle centrarse en "espazos horizontais con poder de decisión de todas as partes sexan militantes ou non de organizacións políticas". En todo caso, volve defender a Villares ao entender que non deu o seu respaldo a unha das outras dúas plataformas que conviven co seu espazo político. "Non creo que asistir a unha cea signifique un apoio expreso; non hai unha resolución nin un comunicado de apoio".

REI VARELA, "GRAVE ERRO" COMO CANDIDATO DO PP

Sobre a candidatura "cantada" do ex alcalde e conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, á alcaldía de Ferrol, Suárez deixa caer que "estaría encantado" de que fose o elixido polo PP, aínda que cre que os militantes dese partido veno como "un grave erro". "No ano no que perde as eleccións é premiado cunha Consellería, foxe do concello, deixa Ferrol á marxe e abandona a un grupo municipal mermado", relatou, así que cre que "por moito que tenten disfrazalo", demostrouse que o seu período como rexedor foi "nefasto" para Ferrol.

Aínda así, para el son "irrelevantes" os candidatos dos demais partidos e prefire centrar na súa proposta para presentar unha candidatura e un balance de lexislatura solventes", para o que admite que "aínda" teñen "moito que traballar nestes meses". Tras unha lexislatura na que o pacto establecido co Partido Socialista rompeu en pouco máis dun ano, o alcalde asevera que, "a título persoal" nunca houbo "enfrontamento nin crispación" con Beatriz Sestayo, --a que foi a súa socia de goberno como portavoz do PSdeG-- senón "diferenzas políticas sobre como afrontar un pacto de coalición".

A pesar da ruptura temperá da coalición, non pecha a porta tampouco a futuras alianzas tras as eleccións de 2019, porque recoñece que é unha "obviedade" que seguir gobernando Ferrol pasa "por un sistema de alianzas e pactos", co PSOE e o BNG, "con Beatriz Sestayo ou sen ela". Tras tres anos de goberno, asegura que conserva "a mesma ilusión que o primeiro día" reforzada agora pola aprobación de orzamentos, e que avanza que lle permitirán afrontar obras como a pasarela de Santa Mariña, o mercado de Caranza ou a praza de Armas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios