Denuncian problemas de acceso aos campamentos de verán da Xunta dos nenos con diversidade funcional

GC fala con Beatriz Gómez Amigo, a nai dun rapaz con diversidade funcional, que critica a escaseza de prazas destinadas a persoas con discapacidade, a mala xestión, transparecia deficiente e "certas" irregularidades. A Xunta nega problemas e destaca que se aumentaron as prazas, mentres que o colectivo de monitores de tempo libre fala de dificultades na adxudicación dos concursos de Política Social.

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 22/08/2018 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

O campamento de Gandarío é o máis masificado de todos os da Xunta. E das máis de 300 prazas que se ofertan en cada quenda, só 16 están destinadas a rapaces e rapazas con diversidade funcional. A nai de Xurxo vén de denuncialo: mala xestión, transparencia deficiente, perda de calidade do servizo e "certas" irregularidades. Porque o seu rapaz estaba en lista de espera no posto 35 e "as cifras de admitidos variaban en función de con que persoal da Xunta falara". Así, logo de comunicar que ía dar a coñecer o problema aos medios de comunicación, chamárona da Xunta para preguntar se quería praza para a quenda de setembro. O seu fillo pasaba, de repente, do posto 35 ao primeiro posto

Campamento de verán en Redondela
Campamento de verán en Redondela | Fonte: Flickr

Pero iso non fixo que Beatriz Gómez Amigo quixese "renunciar" á súa reivindicación, porque "non consiste en que me calen a min a boca. Se eu non sigo con isto, cálanlla a moitísima xente". Trátase dunha "xestión claramente denunciable" que a nai de Xurxo comunicou ao grupo parlamentario do BNG e que a deputada Montse Prado rexistrou no Parlamento. Tamén "el e dous amigos con diversidade funcional decidíronse a informar disto que eles consideran un atropelo aos seus dereitos e crearon un grupo na rede para sensibilizar sobre a súa problemática e divulgar a súa protesta aos medios”, sinala Beatriz Gómez.

Porque segundo esta nai hai un "deterioro do campamento cada vez máis notorio". E non se trata só da escasesa de prazas destinadas a rapaces con diversidade funcional, senón que “tanto dá a discapacidade que teñan”: “os rapaces que collen son de 19 a 40 anos. Coma se dera igual encaixamos a todos no mesmo lugar, como un caixón desastre”. Pero cada un ten as súas características físicas e mentais e “mesturan rapaces cunha discapacidade física altísima con outros que son autónomos e poden valerse medianamente por si mesmos, coma o meu fillo”. Un deterioro que segundo esta nai se sente a cada ano que pasa, xa que "o número de prazas para persoas con diversidade funcional descende dende, alomenos, 2011".

A XUNTA NEGA PROBLEMAS

Visión ben diferente é a que dá a Xunta, que asegura que a Consellería de Política Social reforzou o programa de campamentos específicos de verán para persoas con discapacidade. Así, sostén que se incrementou o número de prazas para persoas con discapacidade funcional nun 13,3% en relación ao exercicio anterior e que se realizou un "importante esforzo  en mellorar as instalacións e incrementar o equipamento especializado para mellorar o coidado dos participantes". Un esforzo que supuxo un investimento de arredor de 320.000 euros.

Campamento de verán, visita á Biblioteca de Redondela
Campamento de verán, visita á Biblioteca de Redondela | Fonte: Flickr

En relación aos requisitos de titulación esixidos na contratación dos profesionais, a Xunta sinala que os monitores "teñen que ser titulados e con experiencia, tanto no ámbito de actividades de ocio e tempo libre coma no de discapacidade". E que en cada quenda hai "unha persoa titulada en enfermería ou DUE que garante a atención que precisen as persoas participantes" e que "o persoal auxiliar-coidador debe contar con certificado de profesionalidade de atención a persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia".

Pero para Beatriz Gómez Amigo é precisamente na falta de persoal e na falta de formación dese persoal onde se atopa a raíz do problema. Segundo ela, cada ano hai más rapaces para menos monitores e os monitores non teñen formación específica para traballar con discapacidades moi diversas. "Xa a nós nos custa traballo, como para canto máis a rapaces que non os coñecen de nada e a única formación que teñen é un pequeno curso duns cantos meses", sinala. E concreta que, dunha vez, un só monitor tivo que atender a dous rapaces en cadeira de rodas e ao seu fillo.

CONTRATACIÓN DO MONITORADO

GC tamén se puxo en contacto coa asociación Somos Tempo Libre, que agrupa aos monitores de tempo libre. Na súa páxina web apuntan a unha situación problemática na Campaña de verán respecto ao monitorado, xa que que parte del foi contratado directamente pola Xunta a través do INEM e non a través das empresas contratadas.

A entidade explica que esta situación se produciu porque as empresas non cumprían os pregos e o proceso de contratación dilatouse. De feito, na primeira licitación só resultou adxudicataria unha única empresa. O resto foron apartadas do proceso por non cumprir os pregos e moitas delas por pagar ao monitorado menos do que establece a legalidade.

E logo da resolución da segunda licitación, por mor dos prazos de obrigado cumprimento, a Xunta decidiu asinar un contrato menor coas empresas. E así foi como, debido a que a cifra máxima destes contratos non é suficiente para pagar ao monitorado, a Xunta se fixo responsable da contratación durante a primeira quenda.

A este conxunto de problemas, Somos Tempo Libre, tamén suma outros. Así, denuncian que  houbo empresas que, despois de resultar adxudicatarias, non  puideron demostrar os criterios de solvencia e quedaron de novo fóra. Polo que aínda tivo lugar unha terceira adxudicación que atrasou aínda máis a entrada das empresas e dos seus correspondentes equipos na organización dos distintos campos de traballo.

DO 35, AO 1

Esta problemática na contratación do monitorado explicaría unha das queixas de Beatriz Gómez Amigo: a deficiente xestión e, polo tanto, a tardanza á hora de comunicar ás familias se habería ou non praza para os seus fillos.

De feito, explica que foi a súa denuncia o que fixo cambiar o parecer de Política Social. Nun primeiro momento o seu fillo estaba  en lista de agarda, no posto 35. Ela decidiu acudir aos medios de comunicación. As súas amigas aconselláronlle entón que "calara a boca" porque ese mesmo día, un mércores, La Voz de Galicia ía publicar unha entrevista que lle fixeran sobre o tema. Finalmente non se publicou porque ao día seguinte Política Social chamou sorpresivamente para dicirlle que o seu fillo estaba de número un. 

"Os nosos fillos e fillas non son un número, non son unha cifra para encher listas; teñen dereito ao ocio. Non é pois máis que exercer o que, por xustiza, lles debera corresponder" sinala a nai que decidiu denunciando esta situación para que non se volva repetir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta