Afectados pola explosión de Tui denuncian que moitos veciños non reciben axudas por cuestións fiscais

Os veciños din que estas axudas están suxeitas a tributación e veríanse obrigados a devolver a Facenda "entre o 20 e o 40 por cento" desas subvencións.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 23/08/2018 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Na considerada 'zona cero' da explosión, máis dun centenar de veciños reuniuse tras unha pancarta na que reclamaban "solucións" á súa situación e piden "non quedar no esquecemento", despois dunha traxedia que custou a vida a dúas persoas, causou case 40 feridos e danou decenas de vivendas e vehículos.

Cúmprense Tres Meses Da Explosión De Tui
Cúmprense Tres Meses Da Explosión De Tui | Fonte: Europa Press

O presidente da Plataforma, Salvador García, indicou que, tres meses despois da explosión, non se levou a cabo o labor de desentullo, polo que non se pode iniciar a reconstrución de vivendas, e incidiu en que, o máis apremiante, é buscar unha alternativa de exención fiscal para que os beneficiarios das axudas da Xunta non teñan que tributar por elas.

Segundo indicou, unha forma de avanzar nese sentido sería a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil (o que antes era zona catastrófica), polo que instaron ao Goberno de España a tomar xa esa decisión. "É vital para nós", subliñou e lembrou que moitos afectados non se deciden a pedir as axudas por esas cuestións fiscais, e que o prazo para solicitalas expira a principios de setembro.

Esa situación afecta especialmente a perceptores de pensións non contributivas, que poden perdelas se piden as axudas, ou a perceptores de pensións "con complemento a mínimos", que tamén se arriscan a ver reducidas as súas retribucións.

Por outra banda, tamén demandaron á Deputación que axilice o convenio "que prometeu" co Colexio Oficial de Arquitectos para a elaboración das memorias de valoración; e, do mesmo xeito, reclaman ao Concello de Tui que tramite a normativa urbanística necesaria para que poidan reconstruír as súas vivendas, algunhas das cales xa non poderán volver levantarse no mesmo sitio, por non adecuarse ao planeamento.

Finalmente, animaron aos cidadáns a participar na manifestación que celebrarán o próximo 26 de agosto en Tui, e que sairá ás 12,00 horas da área Panorámica e terminará na Praza da Inmaculada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta