O BNG lémbralle a Sánchez que a devolución de Meirás é unha "exhumación pendente"

A deputada Noa Presas mostrou o seu apoio á exhumación dos restos do ditador. Considera que a súa actual localización no Val dos Caídos supón "a permanencia do franquismo sen Franco, un insulto permanente a calquera democracia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O BNG lembroulle ao Goberno estatal que a devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás, da Casa Cornide e das estatuas do Mestre Mateo que actualmente están en propiedade da familia Franco son "exhumaciones pendentes".

A deputada do BNG, Noa Presas, en rolda de prensa
A deputada do BNG, Noa Presas, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Así o asegurou nunha rolda de prensa a deputada nacionalista Noa Presas, que se referiu á intención do Consello de Ministros de aprobar este venres o decreto que blinda a decisión do Executivo socialista de sacar os restos do ditador Francisco Franco do Val dos Caídos.

Respecto diso, a parlamentaria do Bloque considerou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "non pode ser timorato e limitarse" á cuestión dos restos. Así, instouno a "mostrar o seu compromiso" con Galicia e "facilitar unha axenda galega para a recuperación da memoria histórica".

"O franquismo tamén vive nos títulos nobiliarios e en todo o patrimonio expoliado", apuntou Noa Presas, que cualificou de "inadmisible" o feito de que, tres meses despois de que a Cámara galega aprobase por unanimidade reclamar a recuperación do Pazo de Meiras, o Executivo estatal non dese "ningún só paso nesta dirección".

MANDATO UNÁNIME DO PARLAMENTO GALEGO

E é que, segundo lembrou a parlamentaria autonómica, a recuperación para o patrimonio público deste pazo, situado en Sada, é "un mandato unánime" do Parlamento de Galicia que depende, na actualidade, das actuacións do Executivo estatal, ao que lle pediu a súa "implicación" para lograr a "devolución do patrimonio expoliado".

Na súa intervención, ademais, tamén mostrou o seu apoio á exhumación dos restos do ditador ao considerar que a súa actual localización no Val dos Caídos supón "a permanencia do franquismo sen Franco, un insulto permanente a calquera democracia".

"Máis de 40 anos despois, segue existindo unha dereita casposa que quere impedir calquera mínimo avance", lamentou a parlamentaria do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta