Ribadavia cítase coa Idade Media

Hoxe comeza a Festa da Istoria na vila do Avia, quizais a recreación medieval máis completa de cantas se fan na península. O evento chega ao seu 30 aniversario.

Por X.M. Fernández | Ribadavia | 24/08/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Como cada ano rematando o mes de agosto Ribadavia vístese de época e convídanos a facer unha viaxe ao pasado medieval da vila e gozar de innumerables actividades lúdicas e divulgativas.

Festa da Istoria de Ribadavia
Festa da Istoria de Ribadavia

Ao longo dos días 24 e 25 esta vila recibe visitantes de toda Galicia e de España en xeral para poder contar de primeira man que estiveron nunha das mellores feiras medievais coñecidas ata o momento.

En horario de mañá e de tarde haberá mercado artesanal, campamento medieval, animación musical e espectáculos itinerantes polas principais rúas de Ribadavia. Ao longo da mañá terá tamén lugar o certame de pintura rápida, unha actividade que cada ano convoca a máis participantes, con entrega de premios pola tarde.

Nun dos principais escenarios da Festa da Historia, o Castelo, terán lugar interesantes representacións teatrais e concertos, de música tradicional e o concerto especial “Son da Istoria” o venres a partir das 00.00 h. con Abraham Cupeiro e Odaiko como protagonistas. Este primeiro día de festexos remata cun espectáculo “Josman” de lume, música e pirotecnia.

O sábado, día grande, ás 10.30 h. terá lugar a apertura simbólica do Banco da Alhóndiga, lembrade que neste mercado medieval a moeda oficial é o maravedí, e ás 11.00 h. será o “Gran desfile da Istoria”. O percorrido comeza na Rúa Baixada ao Consello e remata no Castelo nde se fará a lectura do pregón e o nomeamento de “Notables da Istoria”.

Castelo de Ribadavia. Fonte: facebook Festa da Istoria
Castelo de Ribadavia. Fonte: facebook Festa da Istoria

Nesta mesma xornada haberá un campamento de mercenarios en horario de mañá e tarde na Alameda e ás 12.00 h. un concerto de Sons do Douro co baile medieval das “donas sen cabaleiros da Historia” a continuación na Praza Maior.

Ao longo do día, xadrez vivente, duelo de cabaleiros, música tradicional, cetraría, espectáculos itinerantes de bufóns e comediantes, grupos de percusión e a curiosa “carreira de pipotes” ás 18.30 h. na contorna do castelo.

Ás 22.00 h. será o peche oficial do Banco da Alhóndiga e o fin de festa ás 23.00 h. co concerto de Andrés Penabad e Grupo Folk na Praza de San Martiño.

A información ao detalle da programación está accesible na páxina web da organización e tamén na aplicación móbil do evento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta