Pontevedra volve pedir xustiza para Sonia Iglesias

A súa irmá, Mari Carmen Iglesias, agradece o apoio "incondicional" da sociedade en cada unha das concentracións para que o caso de Sonia "non se esqueza". E así, oito anos despois, a cidade volve reunirse para pedir Xustiza. Esta vez con esperanzas renovadas debido as actuacións xudiciais levadas a cabo o pasado mes de febreiro. A manifestación sae ás 21:30 horas deste venres da Praza da Herrería e chegará ata a Praza da Peregrina.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/08/2018 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Hai oito anos que Sonia Iglesias desapareceu e, cada ano no mes de agosto, a cidade reúnese para pedir que todas as preguntas sexan respostadas. A súa irmá, Mari Carmen Iglesias, agradece o apoio e a difusión do caso. E afirma que, antes ou despois, "chamaremos polo nome e apelido ao culpable ou aos culpables". Porque as actuacións xudiciais levadas a cabo o pasado mes de febreiro renovaron as súas esperanzas e sinala: "temos a certeza de que a xustiza e as forzas de seguridade tampouco se deron por vencidas". 

A pontevedresa Sonia Iglesias
A pontevedresa Sonia Iglesias

Mari Carmen Iglesias lembrou que cando crían que o caso estaba arquivado e pouco quedaba por facer, "ese anhelo de xustiza que se converteu no noso compañeiro de viaxe durante estes últimos 8 anos, volveu para darnos forzas para continuar". Porque aínda que o caso se arquivara por segunda vez, confían en que se abra unha terceira. "Non temos présa, só desexos de xustiza para Sonia", asegura. 

A irmá da desaparecida agradeceu ao conxunto da sociedade o apoio recibido durante todos estes anos: "acompañástesnos, sempre, de forma incondicional, en cada unha das concentracións, mostrándonos o voso apoio para que o caso de Sonia non se esqueza". Porque para a familia, afirma, sería o dobre de doloroso "darse conta de que o paso do tempo borrou nos demais a pegada do noso ser querido". Para poder berrar "con todas as nosas forzas e ben alto": "todos somos Sonia".  Nunha manifestación que sae ás 21:30 deste venres da Praza da Herrería e chegará ata a Praza da Peregrina. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta