Temas: SANTA COMBA

Preocupación en Santa Comba pola instalación de aeroxeradores perto de vivendas

A veciñanza da parroquia de Castriz celebrará unha reunión informativa sobre as instalacións de enerxía eólica. Segundo denuncian, as dimensións dos muíños de vento sobrepasarían as dos aeroxeradores coñecidos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 24/08/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Os e as veciñas de Castriz, en Santa Comba, reuniranse este sábado ás oito da tarde nunha xuntanza informativa sobre a instalación de dous aeroxeradores na súa parroquia. Está previsto que estes aparatos se instalen ao pé de vivendas habitadas, nunha contorna denominada da Fervenza. Á reunión asistirán integrantes da Plataforma NON Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural. O obxectivo é analizar as consecuencias que podería ter unha instalación deste tipo para a zona.

Fervenza Castriz
Fervenza Castriz

Na nota de prensa enviada aos medios apuntan que “os aeroxeradores que están previstos para estes parques teñen unhas dimensións moi superiores aos que estamos afeitos a ver” que teñen unha altura de 30 metros. Pola contra “estes novos ascenden aos 112 metros até o eixo do rotor e, sumando os 68 metros de radio das aspas, acadarían os 180 metros de altura total”.

Segundo a nota de prensa, “un destes aeroxeradores estaría a uns escasos 400 metros da fervenza de Castriz, unha paraxe natural que na actualidade é un dos reclamos turísticos máis destacados do concello de Santa Comba”. Consideran que a instalación de este muíño de vento, degradaría a contorna e baixaría o número de turistas e visitantes.

Sobre a instalación dos aeroxeradores, indícase que estarían “moi preto das vivendas da parroquia” aínda que “a distancia estaría dentro das marxes que establece o Plan Eólico de Galicia”. Non obstante, os veciños sinalan “debe terse en conta que, cando se elaborou o plan, os aeroxeradores eran de 1MW e os que están previstos para estes parques son moito máis potentes: 4,2MW”.  Isto podería afectar “tanto aos ecosistemas da zona como á saúde das persoas que terían que convivir co ruído constante destas máquinas”.

Temas: SANTA COMBA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alarico

A quem votárom? Agora a chorar no cemiterio.