Fotografía e arte na rúa arredor das Meninas velazquianas de Canido

Da man da Asociación Artística Meninas de Canido e de Afundación, o barrio ferrolán acollerá ao longo desta semana varios fotógrafos recoñecidos que captarán as creacións que adornan as paredes do barrio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Comeza unha nova edición do programa social e cultural xa coñecido como As Meninas de Canido. Desenvolverase ao longo desta semana no barrio ferrolán de Canido, onde a Asociación Artística Meninas de Canido organizará diferentes actividades nas que colabora Afundación, a Obra Social de ABANCA.

Pintada sobre as meninas en Ferrol
Pintada sobre as meninas en Ferrol | Fonte: lenguajesilencioso.files.wordpress.com

Así, o xoves 30 de agosto, a Sede Afundación Ferrol abrirá as súas portas ás 20.30 h para acoller, en primicia, a estrea do documental do recoñecido fotógrafo Alberto García-Alix titulado De donde no se vuelve, dunha duración de 50 minutos. Esta obra ten un marcado carácter autobiográfico centrado na súa faceta profesional e caracterízase polo seu aspecto narrativo que conta coa voz en off do propio artista. A entrada a este evento é libre ata completar a capacidade da sala.

García-Alix ofrecerá tamén en Canido unha masterclass, articulada en diferentes sesións, que reunirá aplaudidos profesionais da imaxe en Galicia, o venres 31, de 17.00 a 21.00 h, e o sábado 1 de setembro, de 11.00 a 13.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Entre os asistentes a este foro estarán Luis López Gabú, Xosé Abad, Eva Díez, Javier Teniente, Xulio Gil, Pilar Montero, Jorge Meis, Malú López, Malena Carballo, Helena Segura Torrella, Luis Botana, José Pardo e Kiko Delgado.

Estas sesións estarán alicerzadas no estudo in situ das pinturas que decorarán o barrio de Canido inspirándose nas meninas velazquianas. Os trece asistentes recollerán coas súas cámaras as creacións que adornarán as paredes dos edificios de Canido ao longo destes días, acompañados neste percorrido por Alberto García-Alix. A partir das instantáneas escollidas polo reputado fotógrafo leonés, Afundación preparará unha exposición.

O impulso que no ano 2008 moveu a Eduardo Hermida a pintar unha menina nunha parede de Canido, é, dez anos despois, unha maneira interesante de dinamización dun barrio duramente castigado polas diferentes crises ás que tivo que facer fronte a cidade de Ferrol. A implicación da veciñanza e dos diferentes artistas plásticos que cada ano reinterpretan as famosas figuras da obra de Velázquez foi fundamental para asentar unha actividade clave do verán cultural en Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta